A audiencia da TVG medra en xuño e acada o 10,1 %

0
6

Santiago, 01.07.2022.-    As audiencias da TVG no mes de xuño superaron os dous díxitos, cun 10,1 % no conxunto do día e un 10,3 % de cota no prime time, a franxa máis vista da xornada. Con este datos, a media da canle pública galega no que levamos de 2022 é o 10,3 %, dato superior ao do 2021 (en 2 décimas).

Ademais, neste xuño, a TVG crece entre o público máis novo, xa que incrementou a súa audiencia en 3 décimas entre a poboación de 4-12 anos, en 5 décimas no target de 13 a 24 anos, e en 1,5 puntos na franxa de idade de 25 a 44 anos.

A audiencia da TVG, pese á competencia, segue a ser sólida en todas as franxas horarias, tanto de informativos como entretemento, o que significa que conecta coa sociedade galega de forma transversal con toda a súa oferta. Así, de luns a venres, a TVG acaba o día por riba dos dous díxitos: luns (10,4 %), martes (10,2 %), mércores (10,4 %), xoves (10,6 %) e venres (11,2 %).

Incremento de audiencia nos informativos e prime time

Na mañá, serán e noite, os informativos da Galega medraron en xuño. Os principais informativos no último mes: ‘Bos Días de luns a venres’ (+1,8 puntos), ‘Bos Días fin de semana’ (+2 puntos), ‘A Revista’ (+0,8 puntos), ‘Galicia Noticias luns a venres’ (+1,8), ‘Galicia Noticias fin de semana’ (+0,7), ‘Telexornal Mediodía’ (+2), ‘Telexornal Mediodía fin de semana’ (+1,1), ‘Telexornal Serán’ (+0,7) e ‘Telexornal Serán fin de semana’ (+0,6).

O prime time, a franxa de máis consumo e na que a TVG compite con produtos creados no sector audiovisual galego, tamén medrou con respecto ao pasado mes ata situarse no 10,3 %, o que supón tamén sete décimas máis que en xuño de 2021. Nesta faixa cómpre destacar as cotas acadas os mércores (10,6 %), os xoves (11 %), os venres (10,7 %) e os sábados (11,2 %), día no que lidera as audiencias Galicia.

Por outra parte, a TVG segue a ser un dos motores da rede de FORTA, que reúne as canles autonómicas, ao superar a este grupo en 1,5 puntos de cota no conxunto do día.

Fuente Crtvg.es