A Banda da Loba, protagonista dun novo concerto do ‘Galicia Emerxe’, esta noite na G2

0
9

Santiago, 24.02.2021.-   A Banda da Loba é o novo grupo que se sobe esta noite ao escenario do ciclo ‘Galicia Emerxe’ e que ofrece a G2 a partir das 23.25 horas. Esta formación galega, integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo, mestura nas súas propostas pop, blues, folk, rock e sons tradicionais, creando un estilo musical singular e heteroxéneo. Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h).

Xiana Lastra, Andrea Porto, Marcela Porto, Inés Mirás e Estela Rodríguez publicaron o primeiro e recoñecido álbum de A Banda da Loba, ‘Bailando as rúas’, en 2017. No seu repertorio, inclúen temas propios e outros baseados nas letras de autores galegos como Celso Emilio Ferreiro e Manuel María ou Rosalía de Castro, e os poemas contemporáneos de Rosalía Fernández e Celia Parra.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es