‘A Bóla Extra’ regresa o vindeiro luns á TVG para seguir debullando a actualidade de xeito desenfadado

0
7

Santiago, 25.09.2020.-    O vindeiro luns arranca na TVG a segunda temporada do programa ‘A Bóla Extra’, que se ofrecerá de novo simultaneamente a través da televisión e da radio públicas galegas. O espazo suspendeu a súa emisión ao comezo da pandemia e agora volve á Televisión de Galicia, tres semanas despois do seu regreso á Radio Galega.

Deste xeito, de luns a venres, de 12.05 a 12.30 h, Kiko Novoa, Cristina García e Paco Lodeiro retomarán o seu costume de ir tomar un café á tele para compartir directamente coa audiencia media hora da súa proposta radiofónica. Como xa facían a temporada pasada, ás 12.30 h volverán á RG para seguir debullando a actualidade desde un ton desenfadado e divertido.

Ademais, como viña sendo habitual, antes de poñerse á fronte do seu programa diario, a presentadora de ‘A Revista’, Loli Gómez, unirase ao trío de ‘A Bóla Extra’ nos minutos previos ao seu regreso ás ondas radiofónicas.

‘A Bóla Extra’ é o espazo dedicado ao humor do magazine ‘Galicia por Diante’, que cada día xira arredor dun tema cotián, unha historia curiosa ou algunha anécdota divertida e que fomenta a participación do público, polo que as chamadas e as mensaxes dos oíntes a través de WhatsApp son esenciais. Cada mañá lánzase no ‘Galicia por Diante’ o tema que se vai tratar en ‘A Bóla Extra’ a partir das 12.00 h, para que os oíntes poidan ir tomando nota e preparando as súas achegas.

Fuente Crtvg.es