A cantante de pop-dance Soraya e a popular picadiscos Sofía Cristo, convidadas no ‘Luar’ desta semana

0
19

Santiago, 24.02.2023.-    O espazo ‘Luar’ recibirá esta semana a visita dunha artista estremeña que leva 17 anos ocupando un lugar destacado no panorama musical: Soraya. A cantante de pop-dance interpretará temas do seu último disco, ‘Luces y sombras’, un traballo autobiográfico en que se recollen colaboracións con diversos artistas e temas moi especiais para ela.

Os espectadores tamén asistirán hoxe en directo a unha singular colaboración de Soraya, que con Sofía Cristo realizou unha nova versión do seu mítico tema ‘Mi mundo sin ti’. As dúas artistas presentarana hoxe no escenario de ‘Luar’. Pola súa parte, a picadiscos tamén actuará en solitario interpretando a súa actualización da canción ‘Tres cosas’.

O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández tamén contará coa presenza da artista grovense Carolina Rubirosa. Cantante, compositora e produtora de música, lanzou recentemente dous proxectos: o disco ‘Tierra de nadie’ e ‘Alén do mar’, un EP no que interpreta en galego cancións de cinco poetas. Esta noite interpretará o tema ‘Soldadeiras’.

Outra das actuacións desta semana será a de Escuchando Elefantes, un dúo de folk-rock formado polos galegos Silvia Rábade e Carlos Tajes, coñecidos por compaxinar as súas xiras con actuacións espontáneas na rúa. Co gallo da celebración do Día de Rosalía, o 23 de febreiro, a canción que escolleron para hoxe é ‘Adiós ríos, adiós fontes’.

O programa da TVG tamén contará con outras actuacións centradas nesta efeméride, como a da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón; de Os D’Abaixo, que interpretarán ‘Campanas de Bastavales’, e de Carapaus, con ‘Alborada de Rosalía’. A Banda de Gaitas Nova Era e o Grupo Tekila completan as propostas musicais deste venres.

No tempo de ‘Recantos’, subirán hoxe ao escenario Sarai López, representante da comarca Terras de Lugo, e Laura Sánchez, de Terras do Eume, que interpretarán un tema en solitario e outro a dúo.

Fuente Crtvg.es