A cantante Faia presenta no ciclo do ‘Galicia Emerxe’ na G2 o seu novo espectáculo musical

0
8

Santiago, 12.05.2021.- A G2 achega esta noite, ás 23.30 horas, un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, a cargo de Faia, artista destacada que investiga arredor das cantigas e músicas tradicionais galegas e, sobre todo, das mulleres que as cantan e das historias que van unidas a estes sons. Ademais de cantar en solitario, Faia é fundadora e integrante do grupo De Vacas, do Coro Encaixe, da compañía Apatacón e, xunto a Nacho Muñoz e LAR Legido, revisa o repertorio de Zeca Afonso. En 2019, lanza ‘Ao cabo Leirín’, o seu primeiro disco oficial de estudio.

Nesta nova cita, Faia Díaz presenta un novo espectáculo, que, en realidade, é unha evolución, un paso máis no seu proceso de creación desde o primeiro álbum. Os ritmos e melodías tradicionais buscan outros camiños a través da voz, movéndose entre o íntimo, o falado e o silenciado. Aberta ao experimental, a música atopa eco noutras disciplinas e diálogos nunha dimensión máis plástica. Como constante no seu traballo, a muller volve ser protagonista, portadora dunha identidade rica, xenuína e diversa.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

Fuente Crtvg.es