A cantante galega Sabela presenta o seu primeiro disco nun ‘Luar’ que tamén recibirá a visita de Ruth Lorenzo, Diego Torres e Susana Seivane

0
11

Santiago, 15.11.2019.-     O programa ‘Luar’ recibirá hoxe a visita da cantante e compositora Ruth Lorenzo, que saltou á fama tras a súa participación no concurso ‘Factor X’ e tras representar a España en Eurovisión no ano 2014. A artista murciana fará gala da súa potente voz e do seu inconfundible estilo interpretando o seu novo sinxelo, ‘Underworld’, un tema escuro e rockeiro.

O espazo da TVG tamén contará coa presenza da cantante galega Sabela, que, desde a súa saída da Academia de Operación Triunfo, non parou de labrarse un futuro dentro da industria musical ata acadar o seu soño en forma de disco. A das Pontes presentaralles hoxe aos espectadores o primeiro sinxelo do seu primeiro álbum de estudio, ‘Despedida’, que sairá á venda o vindeiro 29 de novembro.

Tamén estará este venres en ‘Luar’ outra ex-concursante de OT, Alba Reche, segunda finalista da última edición ata o momento, que interpretará ‘Caronte’, o adianto do seu disco debut, ‘Quimera’, que xira arredor da mitoloxía grega. Cada canción do álbum plásmase nunha historia mitolóxica que transporta cara a unha representación de utopías e sentimentos.

Outra das actuacións desta noite será a do cantautor arxentino Diego Torres, un dos artistas máis importantes do pop latino. Nos seus 25 anos de traxectoria musical, vendeu máis de 20 millóns de álbums, coas súas cancións de amor, os seus temas sociais e unhas melodías que transmiten ledicia por todo o mundo. Torres presentará o seu novo sinxelo, ‘Un poquito’, exemplo de fusión tropical de ritmos reggae, urbanos e sons electrónicos.

Entre as convidadas do ‘Luar’ deste venres está tamén unha das gaiteiras galegas máis internacionais: Susana Seivane, que revolucionou o folk cun estilo propio que non fuxía das raíces e que está a presentar o seu quinto álbum, en que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade.

Ademais, pasará polo escenario o grupo lucense Taranis, cuxos sons cativaron durante os anos 80. A súa música, unha estraña mestura de folk, rock progresivo e jazz rock, cruzou as fronteiras galegas e tamén de España. ‘Mundo idiota’, o seu quinto disco, supón o regreso oficial dunha banda que se disolveu nos 90.

O cartel de actuacións complétase coa orquestra Trébol, o grupo de folk tradicional galego Os Carunchos, a orquestra de música folk Sondeseu e o grupo de música e baile tradicional Traspés.

No tempo do concurso ‘Recantos’, será a quenda de Fran Sotelo, procedente de Ourense sur, e de Carolina López, representante da comarca Terras da Coruña, que interpretarán senllos temas en solitario e un a dúo.

Fuente Crtvg.es