A cantante Nia e o gaiteiro Budiño, convidados este sábado no programa ‘Bamboleo’

0
27

Santiago, 04.06.2022.-   ‘Bamboleo’ (22.35 h) preséntase esta noite nas pantallas da Televisión de Galicia da man de Xosé Manuel Piñeiro e con dúas estrelas convidadas: a cantante Nia, gañadora de OT 2020, e o gaiteiro e cantante galego Budiño. Os dous convidados compartirán vivencias e participarán nos xogos de Claudio Pan e Tamara Pérez.

‘Cuídate’ é o título do primeiro disco da artista canaria Nia. Del extráense os temas ‘Tulum’ e ‘Mi luna llena’, dúas cancións moi diferentes en que amosa a súa versatilidade en diferentes estilos musicais e que interpretará esta noite. Budiño, pola súa parte, estará presentando o seu novo sinxelo: ‘Muiñeira da lúa’, unha mestura de música electrónica, pop e música tradicional coa gaita como instrumento protagonista.

Pola súa parte, a orquestra La OcaBand ofrecerá unha variada selección musical para os amantes da verbena galega, mentres que no apartado de baile profesional, o ‘Dirtidansi’, os espectadores verán dúas exhibicións de salsa a cargo dos bailaríns Manuel e Marina, que chegan desde Sevilla.

O ‘Agora ou Nunca’ para talentos musicais terá como protagonistas a Dolo Marzoa e Amador Padilla, que cantarán, respectivamente, ‘Miña Terra Galega’, de Siniestro Total, e ‘Creep’, de Radiohead.

O Club Escola de Atletismo Deza de Lalín e a Sociedade Recreativa Deportiva Unión Club de Cee competirán en ‘A Jrileira’ por un fantástico premio. En primeiro lugar, cantarán o tema ‘La venda’, de Miki Núñez, e a continuación intentarán adiviñar o maior número de intérpretes en minuto e medio.

Finalmente, a ‘ITV Do Amor’ porá a proba unha valente parella de namorados, que deberá enganar un participante do público para quedaren eles co premio. Todo baixo a análise minuciosa de Tamara, Isi e Damián.

Fuente Crtvg.es