A cantante Shaila Dúrcal e o polifacético artista Alberto Cunha, convidados nunha nova noite de ‘Luar’

0
100

Santiago, 18.09.2020.-    O programa ‘Luar’, que a semana pasada comezou a súa 29ª temporada na Televisión de Galicia, recibe este venres a visita da cantante Shaila Dúrcal. Herdeira dunha tradición musical por excelencia, sentiu a inquietude de introducirse no ámbito artístico desde moi pequena. Os éxitos da súa carreira, desenvolvida fundamentalmente en México, destacaron nos xéneros do pop contemporáneo e das rancheiras. Os espectadores escoitarán esta noite temas do seu último traballo.

Tamén está convidado ao programa o polifacético Alberto Cunha, cantante, compositor, actor, imitador e humorista. Grazas á súa prodixiosa voz, este artista é capaz de sacar ao escenario multitude de voces diferentes, imitando grandes artistas de onte, hoxe e sempre. Tamén canta co seu propio estilo temas de moi variadas tesituras e ritmos.

Como cada semana, a música das orquestras galegas terá un lugar destacado en ‘Luar’, que desta volta contará coa presenza de La Ocaband. A música tradicional galega estará representada polas agrupacións Abeleiras de Alxán e A Regionalista.

En canto aos concursos, o espazo da TVG presentado por Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez ofrecerá unha nova edición de ‘Vai de Regueifa’, novo certame de talentos estreado esta temporada, que hoxe enfrontará a Esther das Luras e Palmira Vicente. No tempo de ‘Recantos’, que o venres pasado comezou a súa décimo primeira edición, actuarán, en solitario e a dúo, Sofía Rial, procedente de Terras de Compostela, e Noelia Porto, representante da comarca do Miño.

Fuente Crtvg.es