A coordinadora de Unicef en Galicia lembra no Día do Neno: «Un de cada catro nenos en Galicia está en risco de exclusión»

0
4

Santiago, 20.11.2019.- A coordinadora de Unicef Comité Galicia, Irene Marín, foi entrevistada esta mañá no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia. Hoxe, 20 de novembro, a ONU celebra o Día Universal do Neno, ao que se unen institucións de todo o mundo, e tamén a CRTVG, que se suma esta semana á campaña Semana da Infancia.

Irene Marín anunciou que este ano, en que fai 30 da firma da Convención dos Dereitos do Neno, «iluminaranse de azul moitos monumentos, a Xunta e moitos concellos para reflectir que temos moito que facer para que se cumpran os dereitos dos nenos, non só en países en vías de desenvolvemento, senón tamén en España e en Galicia». Ademais, explicou que estamos «ante novos retos que temos que enfrontar todos». 

A coordinadora do comité galego de Unicef explicou que este ano «firmamos con todos os grupos parlamentarios un novo Pacto galego pola infancia, co obxectivo de que se cumpran os dereitos dos nenos en toda a comunidade». O primeiro Pacto galego pola infancia foi firmado en 2011 e «o maior logro foi a posta en marcha do Observatorio Galego de Infancia e Adolescencia». Marín tamén quixo incidir en que «a pobreza tamén a temos aquí, na nosa comunidade. Un de cada catro nenos en Galicia está en risco de exclusión, segundo o indicador Arope. Hai nenos que non poden comer carne ou peixe dúas veces á semana, que non teñen calefacción nas súas casas ou que os seus pais non poden afrontar calquera imprevisto que poida xurdir na casa». 

A coordinadora expuxo que para reverter esta situación «temos que traballar na prevención, e establecer recursos económicos para que as familias que están en risco de exclusión teñan posibilidades de non vivir nesa situación». Na mesma liña, “tamén é importante traballar na saúde mental, porque nese ámbito estamos por debaixo da media”, indicou. 

Irene Marín fixo unha chamada á colaboración da audiencia galega nesta misión, no marco da campaña que esta semana pode verse nos medios públicos galegos. Poderase colaborar ata o domingo enviando SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, Unicef poderá, por exemplo, subministrar alimento terapéutico a un neno con desnutrición aguda durante un día. A audiencia da TVG e da Radio Galega tamén poderá colaborar chamando ao 900 907 133 ou na páxina portodosmiscompañeros.es

Fuente Crtvg.es