A CRTVG comeza a busca da canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2023

0
20

Santiago, 23.05.2023.-    A CRTVG comeza a procura da canción do verán, do tema que será a súa banda sonora durante os vindeiros meses. Un ano máis, os medios públicos abren a convocatoria do certame ‘Este verán canta con nós’, que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos, e que premiará con 1.000 euros un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.

Os intérpretes e grupos interesados en participar na sétima edición do concurso teñen ata o 16 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2023@crtvg.gal, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo, tanto do intérprete como do compositor e/ou letrista), e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un videoclip.

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 20 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.

Todos os participantes no concurso cédenlle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo, de ser o caso. As bases do certame poden consultarse aquí.

A apegadiza electrocumbia ‘Corazón de toxo’, de Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada foi a canción do verán da pasada edición e resultou gañadora tras convencer o xurado pola súa ledicia, por ser moi ‘verbeneira’ e moi galega e por contar con todos os elementos para triunfar.

Fuente Crtvg.es