A CRTVG comeza a busca da canción que lle porá este ano a banda sonora ao Nadal galego

0
31

Santiago, 27.10.2022.-    A CRTVG abre desde este venres 28 de outubro a convocatoria para poñerlle unha nova melodía ao Nadal galego. O prazo para a presentación de cancións estará aberto ata o próximo 5 de decembro. A oitava edición do certame ‘Este Nadal canta con nós’ ponse en marcha coa idea de atopar a mellor banda sonora para acompañar os galegos e galegas este Nadal e, para iso, as cancións deben de ser inéditas e orixinais, ademais de estaren escritas en lingua galega.

Cada grupo ou solista participante presentará un só tema, cunha duración non superior aos 3 minutos, e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 e, en caso de presentar vídeo musical, en mp4, ao enderezo canciondonadal2022@crtvg.es.

O premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros e, para decidir o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais da Corporación.  

O xurado estará composto por cinco persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia e o 12 de decembro farase público o tema vencedor e unha lista puntuada ata o quinto posto na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases do concurso.

Esta é a oitava edición deste concurso musical, que anteriormente gañaron os nenos do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, coa súa proposta ‘Cando é Nadal’; Iván Vale, co tema ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’; Susana Martínez, con ‘O sinal’; o CEIP Covas de Meaño, con ‘Saúde e cante o merlo’; Kiko Bea, coa canción ‘Un Nadal distinto’, e o grupo xuvenil King Kids, que se fixo coa última edición do certame grazas ao tema ‘Un bo Nadal’.

Fuente Crtvg.es