A CRTVG crea o ‘Premio #DígochoEu’ para festexar os 150.000 seguidores en TikTok

0
10

Santiago, 23.11.2021.-    O popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu celebra os seus 150.000 seguidores en TikTok anunciando a creación do Premio #DígochoEu, un concurso de vídeos aberto a todos os centros escolares de Galicia, de educación Primaria e Secundaria, ou calquera de fóra de Galicia que imparta lingua galega.

O concurso constará de dúas fases: a primeira será o envío dun guión por parte dos profesores para a gravación dun capítulo do #DígochoEu. Nunha segunda fase, entre os mellores guións, elixiranse 10 para ser realizados nos colexios entre os alumnos e o equipo do #DígochoEu, que acudirá aos centros escolares para compartir unha xornada de gravación.

Os profesores poderán inscribir os seus colexios na web digochoeu.gal xunto coas propostas de guión do alumnado. A data límite para presentar as ideas é o 12 de decembro. Os proxectos seleccionados serán emitidos en todas as canles e plataformas dixitais da CRTVG. No mes de maio de 2022, unha vez emitidos, un xurado externo elixirá os tres mellores, que levarán os primeiros Premios #DígochoEu, de 2.000, 1.000 e 500 euros.

150.000 seguidores en TikTok

O lanzamento deste concurso coincide cun novo fito para o #DígochoEu en redes sociais, o que consolida este proxecto dos medios públicos como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade de Galicia. Na súa conta de TikTok, unha canle dirixida eminentemente á xente nova, @digochoeu, o espazo alcanzou esta semana a cifra de 150.000 seguidores.

O #DígochoEu leva desde xaneiro de 2020 emitindo un capítulo diario para a mellora do galego e desde hai 14 meses triunfa tamén cun vídeo diario en TikTok. Actualmente, o #DígochoEu tamén está presente en Twitch, cun streaming semanal do #ApuntamentoLusófono na noite dos mércores, xunto co actor luso Rodrigo Paganelli.

Fuente Crtvg.es