A CRTVG e a Universidade de Vigo explican ‘Sinxelo’, o seu proxecto conxunto de accesibilidade

0
29

Santiago, 10.05.2022.-    Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, participou este martes na xornada sobre accesibilidade da Universidade de Vigo, Tradución multimedia, inclusión social e lectura fácil. A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu unha mesa redonda en que tamén participaron Maribel Doval, vicerreitora en funcións de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación; Sonsoles Facal, especialista en Lectura Sinxela e adaptadora do programa ‘Sinxelo’ da CRTVG e a UVigo, e Laura Feyto, xefa da Unidade de Accesibilidade de RTVE.

Na súa intervención, Xaime Arias explicou o proxecto ‘Sinxelo’, que desde febreiro achega un vídeo diario en formato de ‘lectura sinxela’ a persoas con discapacidade no marco das accións de RSC dos medios públicos e desde as canles dixitais da Corporación. “Tivemos que crear todo de cero porque ninguén fixera nada parecido”, explicou Arias, salientando a importancia de implicar nestes proxectos os colectivos afectados. “Como televisión pública, somos un escaparate máis para todo este tipo de iniciativas, pero este ten que ser un tema de país”, recalcou Arias, quen aproveitou para demandar o financiamento necesario para seguir avanzando nestas cuestións.

En febreiro, a CRTVG e a Universidade de Vigo uníronse para crear o proxecto ‘Sinxelo’, que achega vídeos diarios en formato de ‘lectura sinxela’ a persoas con discapacidade. Con esta ‘Acción G’ de Responsabilidade Social Corporativa, os medios públicos ampliaron a súa accesibilidade para difundir información audiovisual en galego nun formato baseado na ‘lectura sinxela’. Os vídeos difúndense a través da web G24.gal e as canles dixitais YouTube, Facebook, Instagram e TikTok da Corporación.

A CRTVG é o primeiro medio audiovisual en aplicar este nivel de comunicación con este formato aos seus contidos. Os vídeos son realizados polos Servizos Informativos da TVG en colaboración co Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, quen verifica, valida e intervén tamén na adaptación dos contidos e formatos para cumprir cos estándares da ‘lectura sinxela’.

‘Sinxelo’ segue os criterios de ‘lectura sinxela’, método que aplica pautas e recomendacións á redacción de textos, ao ritmo das imaxes ou ao deseño e maquetación de documentos, sempre coa finalidade de facer accesible a información ás persoas con dificultades de comprensión lectora, fundamentalmente, aínda que non só, a persoas con síndrome de Down. A voz do vídeo está xerada mediante intelixencia artificial e a súa velocidade está regulada ao fin correspondente. Os parámetros dentro dos que se move o proxecto están tamén marcados pola asociación Inclusion Europe, apoiada pola Unión Europea, e levarán o logo Easy-to-read.

Fuente Crtvg.es