A CRTVG e Unicef únense na XI Semana coa Infancia

0
16

Santiago, 12.11.2021.-  A CRTVG promove os ODS das Nacións Unidas a través das súas #AcciónsG, e colabora da man de UNICEF coa XI Semana coa Infancia, que terá lugar desde este luns e ata o domingo 21 de novembro.
    
Ao longo de toda a semana, os programas informativos da TVG e da Radio Galega ‘Telexornal mediodía’, ‘Telexornal serán’, ‘Bos días’, ‘A revista’, ‘Galicia por diante’, ‘A bóla extra’, ‘A tarde’, ‘A crónica’, ou o espazo ‘#DígochoEu’ colaborarán emitindo entrevistas e reportaxes relacionados co dereito á saúde –física e mental– facendo especial fincapé na vacinación de rutina, pero tamén nas vacinas contra a covid-19; o dereito a unha contorna dixital segura, na loita contra o acoso escolar e o ciberacoso, e o dereito á participación, escoitando e tomando boa nota de todas as propostas que a rapazada lanzará no Parlamento de Galicia para loitar contra o cambio climático.

Do mesmo xeito, os programas de entretemento ‘Quen anda aí’ e ‘Sabadeando’ involucraranse na campaña convidando a caras coñecidas do audiovisual galego como Miguel Canalejo, Beatriz Serén, Lucía Regueiro ou Manuel Viso, entre outros moitos, que están implicados de forma continuada cos dereitos da infancia. O magazine ‘Fun polo aire’ achegarase a coñecer como melloran a súa contorna os rapaces de Moeche. O espazo de humor ‘Malicia noticias’ sorprenderá con algúns sketchs e, un ano máis, ‘Luar’ ofrecerá, o venres 19 de novembro, unha edición especial na que se coñecerá o labor de UNICEF para promover a saúde, a protección e o benestar da infancia.

Os presentadores máis coñecidos dos medios públicos, Xosé Manuel Piñeiro, Antón Rebollido, Kiko Novoa, Xoán Galán, Esther Estévez e María Xosé Rodríguez, entre outros, implicaranse coma ‘mensaxeiros’, para poñer en valor a importancia da vacinación.

A estas accións cómpre engadir a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña co cancelo #PequeñasSoluciones #PequenasSolucións e visibilizarán a importancia de romper o silencio que rodea a saúde mental e recollerán as entrevistas, noticias e reportaxes nunha canle temática en www.crtvg.gal.

Os contidos da campaña

A campaña promoverá a sensibilización sobre a solución máis eficaz, sinxela e económica para a supervivencia e a prevención de gromos de enfermidades perigosas, a vacinación e a importancia de coidar e protexer a saúde mental e o benestar emocional de nenos, nenas e adolescentes.

Analizará o impacto da tecnoloxía na adolescencia, as súas relacións, oportunidades e riscos, e como construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa para promover que o exercicio dos dereitos da infancia sexan unha realidade.

Promoverá o dereito á participación real e efectiva que sitúe as voces, necesidades e prioridades da infancia e adolescencia en primeira liña da axenda política local e autonómica.

A audiencia poderá colaborar co obxectivo de vacinar o maior número de nenos e nenas do mundo, chamando ao 900 907 133 ou na páxina pequeñassoluciones.es. Con 10 euros ao mes, cada ano, UNICEF pode vacinar 255 nenos contra a polio. Tamén se poderá apoiar mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, UNICEF poderá vacinar un neno contra o sarampelo ou dous nenos contra a polio.

IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2 € ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 900 907 500, Información legal e protección de datos: www.unicef.es

Fuente Crtvg.es