A CRTVG estrea o vídeo da canción do verán, 'Que nos pille rebolando', de Aquel-e

0
9

Santiago, 19.07.2019.-    ‘Que nos pille rebolando’ é a canción do verán 2019 da Galega e desde mañá sábado o seu vídeo clip poderá verse na Televisión de Galicia e nas súas canles dixitais. O rianxeiro Miguel Silva, máis coñecido como Aquel-e, gañou o concurso ‘Este verán canta con nós’ e o seu tema de reggaeton en galego formará parte da banda sonora da CRTVG ata o mes de setembro. ‘E que a fin do mundo nos pille rebolando’ é o verso que máis se repite nesta canción do verán 2019 que vai acompañada da estética actual do trap e do reggaeton nun vídeo gravado en Fisterra e que conta coa coreografía de Urban Dance Studio.

O seu autor, Miguel Silva, é graduado en Lingua e Literatura Galegas e ten unha canle de YouTube en que fala e canta sobre a cultura e a lingua galegas, un proxecto que “pretende poñer en valor a nosa lingua”, segundo afirma. De feito, en 2018 gañou o premio de eficiencia comunicativa do programa Youtubeir@s. Tamén é un apaixonado da música: toca diversos instrumentos desde moi novo e pasou por bandas, charangas e grupos tradicionais. Con esta canción, quere dotar o reggaeton e a música en xeral “de novos discursos” e mostrar “a posibilidade de facer música desde o respecto”.

A peza vencedora do concurso deste ano competiu con outra vintena de propostas e gustoulle ao xurado pola súa grande orixinalidade e modernidade. Nas dúas pasadas edicións deste certame da CRTVG, Plan Siberia fora o gañador, cos seus temas ‘Chegou o momento’ (2018) e ‘Xunto a ti’ (2017). A CRTVG desenvolve este concurso, así como o que tamén se convoca en Nadal, co obxectivo de apoiar a música en galego e de descubrir novos talentos.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here