Santiago, 03.06.2020.- A Televisión de Galicia emite este sábado, 6 de xuño, ás 15.30 h, o concerto ‘Un canto á vida’, das intérpretes Rosa Cedrón e Cristina Pato, nun evento organizado pola canle pública na contorna monumental de San Domingos de Bonaval en Compostela. A TVG quere homenaxear así o pobo galego e lembrar os que xa non están, unha vez rematado o confinamento pola pandemia da Covid-19.
‘Un canto á vida’, que tamén se poderá seguir a través da web da CRTVG, é un concerto íntimo e sen público, en que as dúas artistas comparten o abano de sensacións e emocións vividas durante estes tempos. A cantante e cellista monfortina Rosa Cedrón e a pianista e gaiteira ourensá Cristina Pato ofrecerán algúns dos grandes clásicos da música e da literatura galega, así como doutras obras do repertorio universal. Así, os espectadores poderán escoitar temas emblemáticos coma ‘Negra sombra’, ‘Lela’, ‘Os teus ollos’ ou ‘Soedades’. Tamén, senllas versións en galego das coñecidas cancións ‘What a wonderful world’ e ‘La vita é bella’.
Este concerto é tamén un tributo aos que loitaron en primeira liña, aos cidadáns responsables e solidarios que quedaron na casa, e aos que agora loitan por volver á normalidade. O concerto combinará as sensacións musicais e a beleza de Bonaval con imaxes de rúas baleiras e paisaxes fermosas que pretenden representar o pobo galego nos momentos de confinamento. Con esta experiencia, Pato e Cedrón retoman, dez anos despois, o seu proxecto conxunto ‘Soas’, que incluíu a gravación dun disco co mesmo nome.
Fuente Crtvg.es