A CRTVG impulsa o sector audiovisual galego nos foros internacionais

0
10

Santiago, 29.11.2021.-     A CRTVG regresa de forma presencial aos circuítos internacionais do audiovisual, que recuperan a súa forza comercial. Os medios públicos galegos, seguindo a súa estratexia de internacionalización, desenvolveron a semana pasada unha intensa participación nas principais citas do sector dentro e fóra de España, entendidas como unha oportunidade de negocio para a ficción galega e para a CRTVG como punta de lanza do audiovisual galego.
    
Rosa Vilas, adxunta ao director xeral, participou o pasado venres no encontro internacional ONSeries Lisboa, o escaparate portugués de promoción e networking da industria audiovisual, que reúne canles, axentes internacionais, inversores e produtores de ficción. Neste contexto, Rosa Vilas manifestou que “o mercado portugués e as sinerxías da industria galega e portuguesa reflíctense en numerosos proxectos de colaboración de impacto para o sector audiovisual galego e do que a CRTVG é un importante axente dinamizador”.

O sábado, en Barcelona, o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, e a xefa de Contidos, Montse Besada, asistiron á mostra sobre televisión Miniput, cun intenso programa de debates e encontros profesionais e en que se presentaron programas de canles de todo o mundo. Fernando R. Ojea participou na sesión ‘O futuro da ficción nas televisións públicas’ xunto con representantes das canles TVE, TV3, IB3 e À Punt. Neste evento abordáronse cuestións como a situación das series como produto de consumo nas grellas actuais, nun momento marcado pola competencia das grandes plataformas de distribución audiovisual.

Ademais, Fernando R. Ojea asistiu en Milán o 25 de novembro a unha das primeiras reunións presenciais do Comité Executivo de CIRCOM, a rede europea de canles rexionais, da que é secretario xeral desde 2015 e que reúne unhas 250 televisións e centros emisores de 30 países, entre elas 11 autonómicas españolas.

A posición da CRTVG nesta asociación fai posible, ademais de estreitar relacións institucionais con canles de toda Europa -moitas delas pertencentes a territorios con linguas minoritarias propias-, o acceso a producións europeas de primeira calidade, así como a consolidación da proxección social da CRTVG na contorna profesional europea. “Nun contexto cada vez máis cambiante e globalizado, faise imprescindible este labor de proxección e relación cun sector que vive actualmente un proceso de cambio, acelerado pola revolución nos hábitos da audiencia e nas estratexias de produción de contidos e de emisión da industria”, sinala Ojea.

Na foto superior, o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, primeiro pola esquerda, durante a súa participación no Comité Executivo de CIRCOM en Milán

Fuente Crtvg.es