A CRTVG incrementa o bloque educativo con ‘O Sabedoiro’, novo espazo que ofrece clases de Primaria en directo

0
11

Santiago, 30.03.2020.-  A CRTVG incrementa o bloque educativo que está ofrecendo pola  segunda canle da Galega e pola web da CRTVG co lanzamento de ‘O Sabedoiro’, novo programa que nace coa vocación de ensinar e de que a cativada galega teña un apoio escolar en tempos de confinamento.  

Con este novo espazo, presentado de luns a venres por Xiana Albor, a partir das 12.00 horas, os máis pequenos da casa dispoñen de obradoiros de matemáticas, ciencias naturais, ciencias sociais, lingua galega, música, manualidades e ximnasia. O claustro de mestres está formado por Mara Barral, docente no CEIP de Ventín, e Silvia Miramontes, profesora na escola de danza e mantemento Siliria, que se ocupa das clases de ximnasia.

Cómpre salientar que neste espazo, que se ofrece en directo, é moi importante a interacción cos nenos da casa. A través do WhatsApp do número de teléfono do programa, 647 91 14 18, os rapaces e rapazas poderán deixar todas as preguntas, as dúbidas e vídeos, para que os mestres tomen nota e atendan as súas consultas.

Durante estas semanas de confinamento, a G2 e a web da CRTVG están ofrecendo, simultaneamente, entre as 11.00 e as 13.00 horas, un bloque educativo como apoio os estudantes galegos, mentres os centros escolares permanecen pechados atendendo as restricións para loitar contra o coronavirus. En colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, esta iniciativa facilita unha variada oferta de programas en áreas tan diversas coma a xeoloxía, a historia, a experimentación ou o mundo animal. Así, amais de ‘O Sabedoiro’, poden seguirse a diario o programa educativo ‘Xeoclip’, os espazos de divulgación científica ‘Aquelando tamén quedamos na casa’ e ‘Aquelando’, e as curiosidades do mundo animal que amosa ‘Criaturas’, entre outros.

Na foto, a profesora Mara Barral, nunha das súas intervencións no novo programa ‘O Sabedoiro’.

Fuente Crtvg.es