A CRTVG ofrece este sábado en directo a Gala dos XXI Premios Mestre Mateo desde Ourense

0
23

Santiago, 08.03.2022.-    Televisión de Galicia ofrece este sábado en directo a XXI Gala dos Premios Mestre Mateo (22.00 h), o grande evento anual do audiovisual galego. Os galardóns recoñecerán os profesionais e os mellores traballos do ano en 26 categorías, nunha gala organizada pola Academia Galega do Audiovisual e a Televisión de Galicia no Auditorio Municipal de Ourense. Os espectadores poderán seguir o evento a través da primeira canle de TVG, da Radio Galega e da web crtvg.gal, así como polas redes sociais da Corporación.

Pouco antes, entre as 20.15 e as 21.00 h, unha edición especial do programa ‘Hora Galega’ amosará a chegada dos artistas e autoridades ao seu paso pola alfombra vermella e todos os detalles previos da gala. A actriz Bárbara Grandío será a encargada de conducir o evento, que contará con moito humor e coa música da Xove Orquestra Ourensanía e da cantante Silvia Penide.

54 candidaturas de producións da Televisión de Galicia

Televisión de Galicia acode a esta edición dos Mestre Mateo cun total de 54 candidaturas, entre as que destacan os espazos ‘Dígocho Eu’, ‘Clac’ e ‘Catro Gatos’ da canle pública, que optan ao galardón a mellor programa de televisión, ou os presentadores Esther Estévez, por ‘Dígocho Eu’, e Xose A. Touriñán, por ‘Catro Gatos’, que optan a premio no apartado de mellor comunicador/a.

En canto ao cine, as catro cintas que optan a mellor longametraxe están apoiadas pola TVG: ‘O corpo aberto’, con 16 candidaturas; ‘Código Emperador’, con 8, así como ‘O home e o can’ e ‘Live is life’. No apartado de animación, compiten dúas películas en que colabora a Televisión de Galicia: ‘Unicorn Wars’, que opta a 6 galardóns, e ‘Valentina’, a un.

Ademais, tres producións apoiadas pola TVG, ‘A Lei de Santos’, ‘Saudade de ti’ e ‘Operación Marea Negra’, compiten no apartado de mellor serie de televisión. E na categoría de documental optan ao galardón ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’ e ‘Onde máis doe’, tamén apoiadas pola canle pública. 

Outras producións producidas ou apoiadas pola CRTVG que tamén optan a un Mestre Mateo neste 2023 son ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’, na categoría de maquillaxe e peiteado, e ‘Malo Será!’, na de realización.

Fuente Crtvg.es