A CRTVG ofrecerá esta fin de semana os encontros de 1ª RFEF Deportivo-Badaxoz e Pontevedra-Ceuta

0
15

Santiago, 24.02.2023.-     Esta fin de semana, a CRTVG ofrecerá, a través da canle G2 e da web g24.gal/deportes, a cobertura das xornadas deportivas en diferentes disciplinas. O sábado a xornada comezará ás 17:00 h coa retransmisión do R. C. Deportivo-C. D. Badaxoz, de 1ª RFEF, que se disputará no estadio de Riazor. Continuando coa tarde, a G2 ofrecerá ás 19:00 h o partido de 2ª RFEF entre o C. D. Arenteiro e o Palencia Cristo Atl., en que o equipo do Carballiño buscará a vitoria para seguir manténdose como líder da clasificación.

O domingo, os espectadores da G2 poderán gozar do deporte desde as 12:00 h, co partido de 1ª RFEF entre o Pontevedra C. F. e o A. D. Ceuta F. C., moi importante para ambos equipos, xa que se atopan nas últimas posicións da táboa de clasificación e necesitan puntuar para afastarse do descenso. Os afeccionados ao ciclismo terán unha cita ás 14:00 h coa 4ª etapa da Volta O Gran Camiño, que comeza en Novo Milladoiro e remata en Santiago. A xornada deportiva rematará co partido de fútbol de 2ª RFEF Bergantiños C. F.-C. D. Laredo, que terá lugar ás 17:00 h no Campo Municipal das Eiroas.

Ademais, a web da CRTVG g24.gal/deportes ofrecerá o sábado ás 17:00 h o partido de 2ª RFEF en que se enfrontan o Coruxo F. C. e mais o Raio Cantabria, e a Celtic Cup de fútbol gaélico que se celebra en Lalín á mesma hora, en que se enfrontan a selección galega e o Kilmacud Crokes.

Seguindo cos directos da web, o domingo retransmitirase ás 12:00 h o encontro da OK Liga de hóckey sobre patíns entre o  F. C. Barcelona e o Deportivo Liceo. Por outra banda, os afeccionados ao fútbol poderán ver o enfrontamento de 2ª RFEF Polvorín F. C.-Marino de Luanco ás 12:30 h.

Fuente Crtvg.es