A CRTVG participa en catro novos proxectos cinematográficos, dentro das accións de apoio ao sector audiovisual galego

0
7

Santiago, 26.09.2022.-    A CRTVG acordou este luns a súa participación en catro novos  proxectos cinematográficos, tres deles longametraxes e un documental. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da CRTVG, que analizou as distintas propostas presentadas, determinouse a participación dos medios públicos nesta selección de proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6 %.
    
A selección inclúe dúas coproducións con Portugal: ‘Ariel’, unha longametraxe de cinema de autor con mirada propia, dirixida por Lois Patiño e Mathias Piñeiro, e ‘A procura da estrela’, documental cunha importante carga metafórica dirixido por Carlos Martínez-Peñalver, que foi seleccionado xa en importantes festivais.

Ariel’ é unha aposta experimental para abordar a Shakespeare e a súa obra de teatro ‘A tempestade’ cun guión que mestura de forma máxica metáforas onde a paisaxe e atmosfera dos Azores acaban configurando un personaxe máis que servirá de fío condutor á viaxe da protagonista en busca de Ariel. O proxecto é unha coprodución de Filmika Galaika coa produtora portuguesa Bando Aparte, e conta coa axuda de AGADIC e do ICA portugués.

A procura da estrela’ é un documental, premiado co Mentoring Projects do festival L´alternativa (Barcelona), axudas como a de Talento de Agadic e outros apoios económicos como os dos concellos da Serra da Estrela. O proxecto foi seleccionado como work in progress en diferentes festivais de posprodución e presenta unha importante carga metafórica en que o director ofrece un relato poético que pon o foco no mundo rural que se move entre a tradición pastoral e o futuro turístico.
 
As outras dúas longametraxes apoiadas pola CRTVG son ‘Un pasado por diante’, unha comedia de aventuras, opera prima da directora Olga Ossorio, e ‘Amigos ata a morte’, unha adaptación da obra de teatro de Javier Veiga levada ao cine por el mesmo como director.

Un pasado por diante’, producida por Vaca Films, parte dunha idea orixinal da directora e vertébrase sobre as viaxes no tempo. Orientada ao público familiar, esta comedia conta a historia de Óscar e Teo, de 12 e 10 anos, dous irmáns moi distintos entre si que lidan cada un ao seu xeito coa desaparición da súa nai, unha prometedora científica que morre de accidente mentres investigaba os buratos do verme. A película conta tamén co apoio do ICAA, Amazon Prime e RTVE, e as axudas de Media e AGADIC.

E a cuarta produción, ‘Amigos ata a morte’, é unha historia universal baseada en valores como a amizade, a xenerosidade ou as segundas oportunidades. Trátase tamén dunha comedia que arranca dunha forma desenfadada partindo dun triángulo amoroso. María, Nacho e Suso achéganse á corentena. Os tres viviron moitas cousas xuntos e de repente, na metade da vida, vailles tocar enfrontarse a algo inesperado que poñerá a proba a súa amizade e as súas prioridades na vida. Trátase dunha coprodución internacional con México que conta cos apoios da Deputación de Ourense e do Hub Audiovisual da AGADIC e vai da man de Amazon Prime Video para a súa estrea nesta plataforma.

Favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade e apoiar na creación neste eido unha identidade propia conforman algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección de proxectos.

Fuente Crtvg.es