A CRTVG participa en nove novos proxectos cinematográficos no marco do seu apoio ao sector audiovisual

0
4

Santiago, 27.09.2023.-    A CRTVG acordou a súa participación en nove novos proxectos cinematográficos, catro longametraxes, un filme de animación e catro películas documentais, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual de Galicia.

Dúas das longametraxes son producións de clara identidade galega, rodadas en versión orixinal galega e dirixidas por novos talentos femininos: unha, ‘A volta’, producida por Vía Láctea Films e dirixida por Sandra Montes, é unha comedia dramática que conta unha realidade cotiá a través dos sentimentos, e a outra, ‘Castelao’, producida por Zaza Ceballos, aborda por primeira vez desde a ficción unha parte da vida dun dos persoeiros máis carismáticos da cultura galega. Os outros dous proxectos teñen compoñentes máis universais: ‘Quero vivir nun grito’ é un drama enraizado na actualidade concibido desde a óptica e sensibilidade de Diana Toucedo, e a outra película, ‘A mazá dourada’, é unha adaptación literaria con rodaxe íntegra en Galicia por iniciativa do produtor Xosé Zapata.

A longametraxe de animación ‘O soño da sultá’ é unha fábula animada que chega da man da produtora Abano. O proxecto despegará este outono pola porta grande do Festival de San Sebastián, onde por primeira vez unha película de animación europea competirá en sesión oficial.

En relación ás longametraxes documentais, a selección prevé catro proxectos de corte ben diferenciado: un de carácter etnográfico e experimental, ‘Aurora’, que se constrúe arredor da relación da súa directora cunha muller do medio rural ao longo de máis de 10 anos; outro proxecto de tipo divulgativo e autobiográfico, ‘Manuel Outumuro’, que descobre o proceso creativo deste fotógrafo internacional a través da rodaxe nos lugares máis significativos da súa traxectoria. A terceira proposta documental escollida é ‘A Contra Armada’, documental histórico que recolle un episodio controvertido en que A Coruña foi clave. E, por último, inclúese o documental con ambición de coprodución internacional ‘Hoxe e o resto do mundo’, que pretende ofrecer unha visión global de Isaac Díaz Pardo nunha película híbrida entre o documental e a ficción.

Favorecer o sostemento do sector audiovisual galego, apoiar a creación neste eido e participar en proxectos que destaquen pola súa creatividade, calidade, viabilidade e con capacidade de repercusión na sociedade son algúns dos criterios deste proceso de selección que leva a cabo a Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica da Corporación.

A volta

Producida por Vía Láctea Films, trátase dunha proposta cinematográfica que será o debut de Sandra Montes como directora e guionista dunha longametraxe moi persoal chea de sensibilidade. Sandra escolle unha historia realista e cotiá, pero non exenta de emoción e fortes sentimentos. Unha historia ordinaria enraizada na contorna da Ribeira Sacra e cunha muller forte no centro da mesma que terá que aparcar os seus soños para saír adiante, pero sen abandonar por iso as súas ilusións. É unha produción de axustado presuposto que conta co apoio da Deputación de Lugo e a colaboración de Mr Misto Films para a distribución. En relación ao equipo artístico, os nomes son de primeiro nivel e gozan de clara popularidade: Marta Larralde, Morris, Tito Asorey e Miguel de Lira entre outros. O filme ten un marcado carácter de autor e aspira a espertar interese nos distintos festivais pola delicadeza do seu enfoque social e a beleza da paisaxe onde se sitúa a acción.

Castelao

Zenit TV achega a través da A.I.E esta ambiciosa aposta cinematográfica sobre un dos persoeiros máis ilustres da cultura galega, Castelao. Este filme non é un biopic ao uso, senón que focaliza principalmente o lado humano e persoal máis que o propio personaxe. Para isto a proposta conta no guión con Pepe Coira, avalado pola súa traxectoria de recoñecidos premios audiovisuais. A dirección correrá a cargo de Ángeles Huerta para a que esta será a súa segunda longametraxe de ficción, despois da boa acollida do seu primer filme ‘O corpo aberto’, estreado recentemente. En canto aos actores, preséntase a Tamar Novas, que goza dun prestixio profesional extraordinario, como proposta para darlle vida a Castelao. Zenit TV pretende con este proxecto seguir o modelo da recoñecida colección de biografías titulada ‘Mulleres na historia’, aplicada agora aos homes máis significativos da nosa cultura.

Querer vivir nun grito
    
Producido por Miramemira S.L., este proxecto é un drama de autor de Diana Toucedo que suporá o seu salto como cineasta á ficción. De todas formas, na proposta seguirase percibindo o dominio de Diana na linguaxe documental e a súa preocupación e interese por entender o contexto xeopolítico e social do momento propiciando a constante reflexión do espectador. A película céntrase na personaxe principal, Lola Sar, unha arquitecta entregada a diversas organizacións humanitarias de cooperación internacional. Desde o punto de vista da estrutura financeira o proxecto prevé o apoio de AGADIC e baséase no modelo de coprodución xa experimentado noutros proxectos.

A mazá dourada

Producida por Lapiruetaylamanzana A.I.E., trátase dunha longametraxe con rodaxe íntegra en Galicia e con distribución de A Contracorriente Films. É unha adaptación literaria da novela do mesmo nome que ten o valor de vir completar a extensa cinematografía do recoñecido director Jaime Chávarri. A película conta coa axuda do ICAA, xunto coa participación de TVE, Movistar e Filmin.e ten ademais os apoios da Deputación de Ourense, da D.O. de Monterrei e o premio Xacobeo do Festival OUFF. Trátase dunha comedia coral na que un poema en litixio, unha antoloxía e uns cogomelos velenosos son os detonantes para converter unhas bucólicas xornadas poéticas nun caos cheo de enredos, celos e parellas moi peculiares. No equipo artístico destacan nomes galegos como os de Elena Seijo, Mela Casal ou Celso Bugallo, entre outros.

O soño da sultá

Producida por Abano Producións, S.L., esta longametraxe de animación é un proxecto que ten o valor de ser a primeira película europea de animación que competirá en sección oficial pola Cuncha de Ouro no marco do Festival de San Sebastián este outono. A película vén avalada pola prestixiosa traxectoria de Abano Producións, especializada en animación, e dúas animadoras galegas e permite afianzar as relacións de reciprocidade e apoio coas outras televisións autonómicas. Financeiramente trátase dunha coprodución internacional con Alemaña que conta co apoio de ETB, o Goberno vasco, o ICAA, a axuda de Media Creative Europa e a distribución de Filmin. A película está inspirada nun conto feminista indio escrito en 1905 que cobrará vida grazas ao entusiasmo da directora Isabel Herguera e os produtores que a acompañan nesta aventura, entre os que están Abano e Uniko Estudio Creativo, coprodutor vasco presente tamén na multipremiada longametraxe ‘Unicorn wars’.

Aurora

Esta longametraxe documental de carácter etnográfico e experimental de Gaita Filmes consiste nun retrato de vida dunha veciña do medio rural galego, pero o valor diferencial da proposta é que este retrato se constrúe arredor da relación íntima da súa directora, Area Erina, con esta muller ao longo de máis de dez anos de gravación. Aurora e Area, mulleres cun salto xeracional importante e pertencentes a mundos moi dispares, establecen conversacións profundas acerca de temas como a morte, a familia, a guerra ou a muller. A rodaxe farase en Taboexa, aldea pertencente ao concello das Neves e a obra será realizada en versión orixinal galega.

Manuel Outumuro

Producida por Arraianos Producións, esta longametraxe documental de tipo divulgativo e autobiográfica está dirixida por Aser Álvarez. Será a primeira vez que un documental afonde e descubra o proceso creativo deste fotógrafo internacional a través da rodaxe nos lugares máis significativos da súa traxectoria: Ourense,  Barcelona e Nova York. A rodaxe da obra será realizada en versión orixinal galega. O estilo visual e narrativo deste documental destaca pola mimetización co propio proceso creativo de Outomuro, sendo o seu material fotográfico e o seu relato autobiográfico partes fundamentais do deseño e concepto deste traballo.

A Contra Armada

Esta é a nova proposta de longametraxe documental baixo a dirección de Simón Casal na liña doutros documentais de corte histórico como ‘O reino dos suevos’, de tan boa acollida por parte do público. Este documental proponse redescubrir un episodio histórico que permaneceu oculto e terxiversado ata anos recentes: a Contra Armada inglesa, unha misión organizada pola Raíña Isabel I para acabar coa hexemonía do Imperio Español en 1589. O destino da misión foi selado na Coruña, tras un cruento asedio á cidade por parte dos ingleses e unha enorme batalla urbana protagonizada principalmente por mulleres e homes da cidade. O documental constrúese en coprodución de División XL Producciones, S.L. con RTVE e Simón Casal de Miguel, e conta tamén co apoio do concello da Coruña. A rodaxe farase en versión galega con intervencións espalladas en castelán, portugués e inglés.

Hoxe e o resto do mundo

Producida por Matriuska Producciones, é unha obra dirixida por Cecilia Díaz desde o círculo íntimo de Isaac Díaz Pardo, que pretende ofrecer unha visión global do artista nunha película híbrida entre o documental e a ficción. Trátase dun documental cunha estética vangardista, de carácter humanista, que busca a veracidade periodística. A proposta formal e narrativa deste documental afonda na estrutura poliédrica e o universo de Isaac Díaz Pardo, poñendo de relevo as ideas e facetas fundamentais da súa vida e obra como referentes indiscutibles da historia do século XX. Desde o punto de vista financeiro, o proxecto conta coa axuda de produción de AGADIC e cun acordo de distribución con Elamedia, tanto a nivel nacional a través de Sideral Cinema, como internacional a través de 34T Sales.

Fuente Crtvg.es