A CRTVG pecha estes días a ‘Semana coa Infancia’ de Unicef para mellorar a saúde, a educación e a protección de nenas e nenos

0
5

Santiago, 22.11.2019.-  Este venres o ‘Luar’ da TVG súmase á campaña solidaria da Semana coa Infancia que a CRTVG e UNICEF levan desenvolvendo toda a semana. Acompañando a Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén estará a presentadora Lucía Regueiro, Amiga de Unicef Comité Galicia, que tanto no ‘Luar’ como no ‘Bamboleo’, programa que presenta o sábado, achegará detalles e máis información sobre a campaña. 

O sábado, o programa ‘Aquí Galicia’, que ofrece unha emisión especial sobre o acendido das luces de Nadal en Vigo, convida a Irene Marín, coordinadora de Unicef Galicia, a explicar o traballo desta ONG e a amosar as accións que se levan a cabo en Galicia, como a duns rapaces do concello coruñés de Teo que queren poñer en marcha unha serie de propostas para paliar o acoso escolar e o bullying.

O programa da Radio Galega ‘Galicia en Goles’  tamén se suma e á campaña entrevistará a Jacobo Olmedo, director do colexio Sek Atlántico de Pontevedra. Este centro educativo é amigo de Unicef e todos os anos celebra unha carreira solidaria con motivo do Día da Auga en marzo. A conversa estará orientada na explicación desta carreira solidaria para coñecer como traballan e promoven, dese este centro, os valores da infancia a través do deporte.

Tamén na Radio Galega, o ‘Galicia por Diante Fin de Semana’ do domingo falará  do problema que supón o bullying con Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, e con Nacho Guadix, responsable de educación en dereitos da infancia de Unicef Comité Español.

A CRTVG e Unicef pechan deste xeito a Semana coa Infancia, iniciativa solidaria que desenvolveu toda a semana, con contidos especiais na televisión e na radio públicas, para sensibilizar sobre os nenos e nenas que morren por causas evitables, non van á escola ou non están protexidos ante a explotación, a violencia ou o abuso. Os medios públicos galegos enmarcan este apoio na súa responsabilidade social corporativa, que, como no caso das #AcciónsG desenvolvidas ao longo do ano, ten como obxectivo lograr unha sociedade mellor e máis responsable. Nesta campaña, a CRTVG e Unicef aliáronse para acadar os seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU: ODS 2, Fame Cero; ODS 3, Saúde e Benestar; ODS 4, Educación de Calidade; ODS 5, Igualdade de Xénero; ODS 6, Auga limpa e saneamento; ODS 10, Redución das desigualdades e; ODS 16, Paz, Xustiza e Institucións sólidas.

A audiencia galega poderá seguir colaborando ata o domingo enviando SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2€, UNICEF poderá, por exemplo, subministrar alimento terapéutico a un neno con desnutrición aguda durante un día. A audiencia tamén poderá colaborar chamando ao 900 907 133 ou na páxina portodosmiscompañeros.es.

IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2€ ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 902228028, sms unicef.es. Info. legal e protección datos: www.unicef.es

Fuente Crtvg.es