A CRTVG relatará a fin da alerta sanitaria desde a Cidade da Cultura

0
13

Santiago, 22.10.2021.-    Tras 19 meses en vigor, finalizou a emerxencia sanitaria en Galicia pola covid-19 e, con este motivo, senllos programas informativos da TVG e da Radio Galega ofreceranse este sábado en directo desde a Cidade da Cultura, en Santiago, que foi un dos grandes centros de vacinación masiva en Galicia.

De 9.00 a 12.00 h, o magazine da RG ‘Galicia por Diante Fin de Semana’ emitirase desde esta localización. A presentadora, Victoria Rodríguez, falará co epidemiólogo Juan Gestal, un dos grandes referentes en Galicia desde que comezou a crise do coronavirus; coa xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, que explicará a organización do dispositivo de vacinación, e coa enfermeira Ángeles Mera, membro do comité clínico que asesorou a Xunta de Galicia desde o inicio da pandemia.

‘Galicia por Diante Fin de Semana’ contará tamén coa presenza da directora da residencia Porta do Camiño, Vanessa Castro, e dos seus usuarios Emilio Rodríguez e Nieves Cabo, que foi a primeira vacinada en Galicia contra a covid-19. Ademais, o programa ofrecerá unha reportaxe sobre como afectou a pandemia os distintos sectores, como a hostalería, o turismo, a cultura ou o xornalismo.

O ‘Telexornal Mediodía’ da TVG tamén se emitirá en directo (14.30 h) desde a Cidade da Cultura. Presentado por Irene Lourido, ofrecerá unha entrevista ao xefe de Medicina Intensiva do CHUS, Pedro Rascado, que lembrará os meses máis complicados ao inicio da pandemia e como foi evolucionando a resposta nas ondas sucesivas; como reaccionaron cando había risco de colapso nas UCI e como actuaron desde o departamento que el dirixe. Ademais, na súa condición de membro do comité clínico, explicará como foi o traballo deste órgano asesor desde o inicio da pandemia ata este mércores, que celebrou a súa última xuntanza.

Tamén se entrevistará a directora de Enfermería da Área Sanitaria Santiago-A Barbanza, Victoria Carral, que falará do proceso de vacinación masiva, a organización dun dispositivo tan complexo, as maiores dificultades e o traballo dos profesionais que participaron neste operativo, ademais de cal foi a resposta dos cidadáns e o recibimento da Medalla de Galicia.

Fuente Crtvg.es