A CRTVG retransmitirá, en directo de xoves a sábado, o IV Foro La Toja, centrado nas consecuencias da guerra en Ucraína

0
21

Santiago, 28.09.2022.-    O IV Foro La Toja-Vínculo Atlántico, que se desenvolverá na illa da Toxa do 29 de setembro ao 1 de outubro, poderase seguir en directo e de xeito íntegro pola TVG. Os medios públicos galegos poñen novamente o foco informativo neste espazo para a reflexión e o debate que xa se converteu nunha cita ineludible para a análise dos retos sociais e económicos actuais.

A totalidade dos relatorios retransmitirase pola G2 e a web g24.gal. A cobertura da canle pública comezará o xoves ás 16.30 h cun adianto informativo pola primeira canle que transmitirá a chegada do rei Filipe VI, quen inaugurará o evento. No marco desta sesión inaugural, farase entrega do II Premio Foro La Toja, que se lle outorga ao pobo ucraíno. Ademais, este xoves o ‘Telexornal Serán’ emitirase desde a illa da Toxa, presentado por Marcos Sueiro. E a primeira canle realizará durante os seguintes días unha cobertura con conexións en directo, noticias e entrevistas nos distintos espazos informativos, ao igual que a Radio Galega.

A programación terá como condutor principal o xornalista Jesús Fontenla, co apoio dos analistas María Bastida e Xosé Antonio Vázquez Taín desde un set instalado na sede do foro, en que serán entrevistados participantes como, entre outros, o presidente do Foro, Josep Piqué; o presidente do Real Instituto Elcano, José Juan Ruíz; o presidente do Consello Económico e Social, Antón Costas, e o secretario xeral iberoamericano, Andrés Allamand.

A cobertura do venres día 30 iniciarase ás 09.30 h e incluirá, entre outras intervencións, unha conferencia do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (10.30 h); unha conversa entre os expresidentes do Goberno Felipe González e Mariano Rajoy (13.00 h), e a mesa ‘Ciberseguridade: da necesidade á urxencia’ (16.30 h), coas intervencións da exvicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría, da secretaria de Estado de Dixitalización, Carmen Artigas, e do presidente de Mapfre, Antonio Huertas. Os espectadores tamén poderán seguir o debate entre os presidentes autonómicos Alfonso Rueda, Juanma Moreno, María Chivite e Ximo Puig (19.00 h), centrado no reto demográfico e na cohesión territorial.

Na xornada do sábado, 1 de outubro, desde ás 09.00 h, cómpre salientar a mesa ‘O renacer do vínculo atlántico’ (10.30 h), coa participación do vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell. Á clausura, ás 12.15 h, asistirá o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Esta cuarta edición do foro centrarase en analizar a realidade xeopolítica actual, tras o inicio da guerra de Ucraína e as súas consecuencias en ámbitos como a seguridade enerxética ou a evolución da globalización. Tamén se falará da situación económica mundial cos índices de inflación disparados.

Fuente Crtvg.es