A CRTVG selecciona a adaptación a televisión da obra ‘Crónicas do paraíso’

0
9

Santiago de Compostela, 02.06.2020.-   A adaptación a televisión da obra de teatro ‘Crónicas do paraíso‘, de Sarabela Teatro en colaboración coa produtora Ollovivo, é o proxecto seleccionado pola CRTVG no marco das súas medidas extraordinarias de apoio ao sector audiovisual e creativo galego, neste caso para compañías e produtoras teatrais.

Sarabela Teatro é unha das compañías teatrais máis veteranas de Galicia, e ‘Crónicas do paraíso’ é unha versión libre da obra ‘As crónicas do Sochantre’, do escritor Álvaro Cunqueiro. Baixo a dirección de Luis Avilés, a obra está interpretada por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago e será emitida pola Televisión de Galicia. ‘Crónicas do paraíso’ brindará, ademais, a oportunidade de achegar ao gran público o universo máxico de Cunqueiro nunha faixa horaria de gran consumo televisivo.

O prazo para a recepción de propostas pechouse en maio, co rexistro de 20 proxectos de diversas temáticas e xéneros. A comisión de análise e avaliación da CRTVG destacou a súa variedade e orixinalidade, xa que abranguen desde espectáculos tipo perfomance máis innovadores ata adaptacións dos grandes clásicos do teatro ou proxectos con monicreques enfocados ao público infantil e familiar. O enfoque prioritario foi seleccionar unha proposta con temática apta para un público xeneralista que se puidese producir con técnica narrativa televisiva e que contase con profesionais con experiencia nese mesmo medio.

Desde abril, a CRTVG activou tamén outras iniciativas de apoio ao sector, como a adquisición de documentais, a contratación doutro específico sobre a crise sanitaria ou o acordo da participación da CRTVG en sete novos proxectos cinematográficos. Todas estas medidas son públicas no Portal de Transparencia da CRTVG.

                                                   #Coidémonos

Fuente Crtvg.es