A CRTVG ten canción do verán: 'Que nos pille rebolando', un reggaeton con estética trap do rianxeiro Miguel Silva, coñecido como Aquel-e

0
30

Santiago, 26.06.2019.-   ‘Que nos pille rebolando’ é a canción do verán 2019 da Galega. O rianxeiro Miguel Silva, máis coñecido como Aquel-e, fíxose co concurso Este verán canta con nós, resolto onte en Santiago, e o seu tema de reggaeton en galego formará parte da banda sonora da CRTVG durante os meses de estío.

A pegadiza canción, que xa pode escoitarse na web da CRTVG, foi premiada con 1.000 euros e terá difusión nos distintos programas da Televisión de Galicia e da Radio Galega, así como nas súas redes sociais. ‘E que a fin do mundo nos pille rebolando’ é o verso que máis se repite nesta nova canción do verán que vai acompañada dun videoclip  baseado na estética actual do trap e do reggaeton.

O seu autor, Miguel Silva, é graduado en Lingua e literatura galegas e ten unha canle de YouTube en que fala e canta sobre a cultura e a lingua galegas, un proxecto que “pretende poñer en valor a nosa lingua”, afirma. De feito, no 2018 gañou o premio eficiencia comunicativa do programa Youtubeir@s. Tamén é un apaixonado da música: toca diversos instrumentos desde moi novo e pasou por bandas, charangas ou grupos tradicionais. Con esta canción, quere dotar ao reggaeton e á música en xeral “de novos discursos” e mostrar “a posibilidade de facer música desde o respecto”. 

A peza vencedora competiu con outra vintena de propostas e gustou ao xurado pola súa grande orixinalidade e modernidade. O xurado, que estaba composto pola cantante Lucía Pérez; o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; a xefa de Contidos da TVG,  Montse Besada; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e o presentador Paco Lodeiro, destacou, ademais, a calidade das outras pezas presentadas e agradeceulles aos concursantes a súa participación na convocatoria, que estaba aberta tanto a profesionais como a afeccionados.

Nas dúas pasadas edicións deste certame da CRTVG, Plan Siberia fora o gañador, cos seus temas ‘Chegou o momento’ (2018) e ‘Xunto a ti’ (2017). A CRTVG desenvolve este concurso, así como o que tamén se convoca en Nadal, co obxectivo de apoiar a música en galego e de descubrir novos talentos. 

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here