A CRTVG transmite a entrega das Medallas do Parlamento de Galicia, que recoñece as institucións estatutarias

0
20

Santiago, 5.4.2022.-  Televisión de Galicia retransmite este mércores, en directo (10.55 horas), desde o Pazo do Hórreo a entrega das Medallas do Parlamento de Galicia, concedidas este ano ás institucións estatutarias –Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura– para recoñecer a contribución destas entidades ao afianzamento do autogoberno de Galicia e con plena lealdade ás restantes institucións da Comunidade Autónoma e do Estado. O acto, que se poderá seguir en lingua de signos, estará presentado pola xornalista da TVG María Solar e contará cos comentarios de Xesús Fontenla para os espectadores da canle pública galega.

Os representantes das institucións galardoadas que recollerán a Medalla do Parlamento de Galicia son: María Dolores F. Galiño, como Valedora do Pobo; José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. O evento, en que participan o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contará tamén coas intervencións musicais do dúo formado por unha das voces da nova canción de autora en Galicia Sheila Patricia –guitarra e voz- xunto a Gabi Reboredo –percusión e voz-.

As medallas entréganse o 6 de abril, coincidindo coa data de promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, e, precisamente, a primeira edición destes galardóns, en 2016, conmemorou o seu 35 aniversario.

Na foto, un momento do acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia do ano pasado.

Fuente Crtvg.es