A CRTVG visibiliza o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

0
13

Santiago, 23.11.2021.-  Os medios públicos galegos remarcan ao longo desta semana o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa emisión de contidos específicos nos informativos e programas, e coa estrea de producións arredor desta temática. Tamén, os medios públicos levan días emitindo a campaña institucional da Xunta de Galicia, que busca sensibilizar a sociedade nesta loita. O compromiso dos medios públicos coa muller e a igualdade abrangue os 365 días do ano, e con maior énfase na semana arredor do 25-N.

Os espazos diarios da TVG tínguense de contidos relacionados coa efeméride e os informativos darán conta dos actos e iniciativas vencelladas a este día. No caso do ‘Bos días’ entrevistarase o 25 de novembro a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella. No mesmo informativo participarán esa xornada representantes doutras institucións públicas, así como representantes de asociacións de vítimas. O ‘Galicia noticias’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’ ofrecerán  reportaxes sobre os pisos de acollida, testemuñas e os labores xudiciais. Mentres tanto, ‘A revista’ organiza unha mesa redonda con expertos nesta eiva social, psicólogos e representantes de asociacións e entidades. Pola súa parte, o cultural ‘ZigZag’ achegarase ao certame ‘Voces femininas’, que acollerá Ourense para conmemorar esta data, a través da voz e da música de tres destacadas artistas internacionais.

‘Quen anda aí?’ e ‘Fun polo aire’, os magazines de entretemento da tarde da canle pública, visibilizarán o xoves esta eiva social desde distintos vértices. No ‘Quen anda aí?’, unha psicóloga dará as claves actuais na loita contra a violencia machista e falará dos retos para a súa erradicación nas xeracións máis novas. O espazo dará a coñecer o papel das forzas da orde para enfrontarse a esta problemática e contará coa participación dun membro da unidade VIOGEN. Ao longo da semana, o ‘Fun polo aire’ está dando voz ás vítimas da violencia machista e pondo énfase na necesidade de denunciar calquera agresión. Achegarase tamén aos orfos da violencia machista, visitará unhas sesións de terapia con cans, coñecerá unhas rapazas ás que intentaron someter mediante o uso de drogas e asistirá a unhas charlas para concienciar os máis novos sobre o sexismo virtual, entre outros aspectos.

Pola súa parte, o ‘Vivir aquí’ ofrecerá este domingo unha reportaxe en que se afondará no silenciadas, ignoradas ou suplantadas que están as mulleres no ámbito científico ao longo da historia. Ao longo deste mes, o espazo está abordando, dunha maneira especial, a educación en igualdade e a importancia da educación para acabar coa violencia machista, asunto que tamén abordará o sábado.

O propio 25-N á noite destaca na G2 a estrea de ‘Contraluz’, longametraxe documental dirixida por Teo Manuel Abad, que reflexiona sobre a autodefensa das mulleres para loitar contra a violencia de xénero. Abad remove conciencias a través das testemuñas de boxeadoras, que chegaron a este deporte como un modo de autoprotección e vía de fuxida ante a violencia á que as sometían os seus agresores. Ademais, o programa de cinema ‘Clac’ (na G2 , os venres á noite) emitirá a premiada ‘Sicixia’, de Ignacio Vilar, clasificada polo Ministerio de Cultura como especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero, e un coloquio sobre ela. No faladoiro previo á proxección do filme, o director e a actriz principal explicarán as claves desta cinta.

Radio Galega: testemuñas e cobertura dos actos

A Radio Galega ofrece durante toda esta semana contidos nesta liña nos seus magazines diarios principais, ‘Galicia por diante’ e ‘A tarde’. Dará tamén cobertura en directo aos actos de concienciación e reivindicación nas distintas cidades galegas e contará coas testemuñas de mulleres que sufriron maltrato. A maiores, o ‘Galicia por diante’ desenvolverá un ‘Miolo’ sobre a violencia contra a muller no ámbito rural. Pola súa pare, o ‘Convivir Deportivo’ ofrecerá o 25-N unha edición especial sobre o deporte feminino desde A Coruña, en directo pola web e a aplicación móbil. 

Con motivo da estrea en cines esta semana de ‘María Solinha’, o ‘Diario cultural’ conversará sobre a violencia machista na época de María Solinha e na actual co director da cinta.

Finalmente, as redes sociais e a web da Corporación serán altofalantes dos contidos que ofrezan a radio e a televisión públicas.

A foto superior correspóndese coa longametraxe documental ‘Contraluz’, que a G2 emite este xoves á noite.

Fuente Crtvg.es