A entrañable ‘Pipi Mediaslongas’ chega ao ‘Xabarín Club’, en HD e en galego

0
42

Santiago, 4.3.2022.-   A versión remasterizada de ‘Pipi Mediaslongas’ chega á Televisión de Galicia para animar as merendas dos pequenos da casa coas súas disparatadas aventuras. Cando fai 20 anos da morte da súa creadora, a sueca Astrid Lindgren, a G2 ofrece esta serie clásica nunha edición en HD e, por primeira vez, en galego. Deste xeito, a rebelde e entrañable nena roxa e pencada aterrará cada día no ‘Xabarín Club’: á tarde de luns a venres e nas mañás da fin de semana, en formato maratón.

Dirixida a un público familiar, de entre 6 e 11 anos, ‘Pipi Mediaslongas’ é unha comedia protagonizada por Pipi, unha nena de longas trenzas e espírito libre á que lle acontecen mil e unha aventuras. A rapaza, que vive na compaña do cabalo chamado Pequeno Tío e do moniño Mr. Nilsson, conta con dous amigos, os irmáns Tommy e Annika. Con eles, vive cada día e o futuro dun xeito moi divertido, pero tamén valente, independente e responsable. Filla dun pirata, que navega polos mares do Sur, Pipi é unha nena con algúns poderes e gran humanidade, que nas súas aventuras amosa unha gran xenerosidade polos demais.

Este clásico atemporal, coa actriz Inger Nilsson no papel principal, transmite valores moi actuais de apoderamento, amizade, solidariedade, amor pola xustiza e tolerancia, entre outros. Na actualidade, Pipi segue sendo un personaxe moi querido e recoñecido polos nenos e nenas, cuxo libro orixinal foi traducido a máis de 40 idiomas e vendeu máis de 40 millóns de exemplares.

Fuente Crtvg.es