‘A estación violenta’, película protagonista na G2 do programa de cine ‘Clac’

0
16

Santiago, 22.10.2021.- O programa de cinema ‘Clac’ (22.55 h) trae este venres ‘A estación violenta’, unha nova longametraxe participada pola Televisión de Galicia, adaptación libre da novela homónima de Manuel Jabois, e a primeira e única película da cineasta galega Anxos Fazáns. A directora e presentadora do espazo, a xornalista Tania Fernández Lombao, contará como  convidados, precisamente, coa directora da cinta e o actor protagonista, Alberto Rolán.

No coloquio, previo á proxección da película, a directora explicará cales foron as súas inspiracións á hora de poñer en marcha o filme, e Alberto Rolán exporá como se preparou para desenvolver un personaxe que estaba sempre baixo os efectos dalgunha substancia e que ademais tivo que asumir moitos espidos. A fraxilidade e as emocións son dous dos eixes sobre os que quixo traballar Anxo Fazáns.

A película, interpretada por Nerea Barros, Alberto Rolán e Xosé Barato, conta unha historia dramática. Un amor triangular de tres mozos na trintena, que se atopan anos despois da universidade, tres persoas que non atopan o seu sitio. Ángel Santos, que dirixira o filme de similar vontade ‘As altas presións’, tamén foi guionista deste filme.

‘A estación violenta’ é unha crónica de frustración dunha xeración. A desesperanza e os estragos causados polo consumo das drogas son o fío condutor das vidas de Manoel, Claudia e David. Ela está a piques de morrer, nun contexto marcado polos excesos no consumo de drogas. Os tres viaxan desde Compostela ao mar, para pasar na praia os derradeiros días de Claudia.

O espazo ofrecerá tamén unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira e contará, amais, coa colaboración do experto en cine e compañeiro dos medios públicos galegos Eduardo Galán.  

Fuente Crtvg.es