A estrea do documental ‘Verde, a cor da soidade’ achégase na G2 ao abandono do rural galego

0
93

Santiago, 15.02.2022.- A G2 estrea este martes ‘Verde, a cor da soidade’ (23.25 h), película documental sobre o abandono do rural, participada pola Televisión de Galicia e producida por Trabada en 2020. No filme, Manuel é o único habitante dunha aldea que foi baleirándose co paso do tempo. Manuel vive en soidade e esquecido pola sociedade. Protagonista dunha forma de vida case desaparecida, vive nunhas condicións de vida moi básicas, atormentado polas lembranzas do que foi e o que é a súa vida.

Ao longo de catro anos, o realizador Alberto Trabada gravou as paraxes e as xentes que viven na montaña lucense. Aí coñeceu a Manuel, entre outras persoas, que resisten no rural fronte ao esquecemento social e institucional, como últimas testemuñas dunha cultura e forma de vida que parece chegar á súa fin. Poboacións desertas, carentes de auténtica vida, cada vez máis asfixiadas polo monocultivo do eucalipto e o fedor dos xurros.

Luís, Domitila, Jorge, Saleta… son os protagonistas desta narración, que tristemente se repite sen cesar noutros recunchos da xeografía galega; a historia dunha sociedade secular, sostible e vetusta que parece chegar á súa fin. Todos eles acolleron o realizador nas súas casas, compartiron a súa memoria para amosarlles aos espectadores como foron as súas vidas, os seus días de alento e de esperanza, nun lugar de cor verde, cada día máis cheo de soidade.

Fuente Crtvg.es