A fin de semana deportiva da Radio Galega comeza este venres coa retransmisión do partido Athletic de Bilbao-Celta

0
12

Santiago, 03.12.2020.-    A xornada deportiva da fin de semana comeza na Radio Galega este venres ás 20.30 h. Paco Santos conduce o ‘Galicia en Goles’ ata as 00.00 h coa retransmisión do partido da Primeira División entre o Athletic de Bilbao e o Celta de Vigo, que se disputa en San Mamés. Víctor López, José Valtierra e Moncho Carnero acompañarán a Roberto Carlos Carballo na narración e análise dos 90 minutos de xogo.

O sábado, desde as 12.00 h, a emoción da xornada pasará polo Mirandés – Lugo, da Segunda División A, e polo derbi da Segunda B entre os dous primeiros clasificados do subgrupo 1A, o Pontevedra e o Deportivo da Coruña. Ademais, terá protagonismo toda a xornada da Terceira, que se adianta un día para que os equipos teñan descanso de cara aos compromisos do martes festivo. O Tenerife – Obradoiro, da Liga ACB, e o derbi da LEB entre o Breogán e o Ourense completan a axenda do día.

Xa o domingo, ás 12.00 h, ‘Galicia en Goles’ contará o derbi da Segunda B en Barreiro, entre o Celta B e o Compostela, xunto ao seguimento ao fútbol feminino de Segunda Nacional e á División de Honra xuvenil. Desde as 15.00 h, a sesión da tarde estará centrada noutro encontro de rivalidade, o Rácing de Ferrol – Coruxo, xunto ao Básquet Coruña – Palencia de baloncesto, o Guadalajara – Cangas de balonmán e o Bueu – Sala Ourense da Terceira de fútbol sala.

Como cada domingo, ás 20.30 h, xornalistas e adestradores debaterán sobre os resultados dos equipos galegos no ‘Faladoiro’, un espazo que, ademais de escoitarse nas ondas, tamén se ve polo streaming ‘Mira RG’, da web radiogalega.gal.

A fin de semana ten reservadas outras citas para a audiencia en materia deportiva. O sábado, ás 13.00 h, ‘Convivir Deportivo’ visita o concello de Beariz, onde o tríatlon e o tiro son as disciplinas máis practicadas. Ás 23.00 h, Rodrigo Pérez achegará a última hora do motor no ‘Gas a Fondo’, mentres que ás 23.30 h Toni López daralles voz aos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos nunha nova entrega do ‘Galicia en Toquio’. Por último, o domingo, ás 23.30 h, Pedro Pablo Alonso pechará a fin de semana coa mesa de debate de ‘Ao Contraataque’.   

Fuente Crtvg.es