A G2 achega en ‘Clac’ a película ‘Little Galicia’, unha comedia ambientada na comunidade galega de Newark

0
15

Santiago, 21.01.2022.- ‘Little Galicia’, a película que a G2 (22.55 h) proxectará este venres no programa ‘Clac’ (o sábado á noite na TVG), é unha comedia divertida, ambientada na contorna da comunidade galega de Newark, unha pequena Galicia. O filme está dirixido por Alber Ponte, o director en activo máis prolífico do cinema galego, con récord en obras audiovisuais, con cinco longametraxes e 80 curtas. Conta ademais con numerosos premios en prestixiosos festivais, coma o de Clermont-Ferrand.

O elenco está conformado por Gustavo Salmerón, Paloma Bloyd e os galegos Fran Grela, Mabel Rivera, José Ángel Egido e Mela Casal. A rodaxe tivo lugar entre novembro de 2013 e xaneiro de 2014 entre Noia e Newark.

‘Little Galicia’ relata a historia dun rapaz que convida un amigo a acompañalo a unha voda familiar en Newark. No último momento, proponlle un cambio de papeis e pídelle que o substitúa no evento coa súa familia, mentres que el aproveita a viaxe para asuntos amorosos. Nunca coñeceu eses familiares fisicamente, polo que parece o plan perfecto. Coma sempre, a casualidade entra en xogo e todo se enreda nesta inocente farsa. Ao mesmo tempo, o filme conduce os espectadores pola vida dos emigrantes galegos en Newark.

No coloquio anterior á película, Tania F. Lombao falará co seu director, Alber Ponte, que contará os motivos polos cales se seleccionou o elenco. Así mesmo, reflexionará sobre o feito de que nas súas películas hai moito guión e explicará como foi a rodaxe en Newark e como implementou cuestións da linguaxe que usan os galegos que viven alá. Tamén estará no estudio Fran Grela, que exporá como o azar afecta a todo o que sucede no filme.

Fuente Crtvg.es