A G2 amplía a oferta infantil do ‘Xabarín Club’ a case 12 horas diarias

0
6

Santiago, 18.03.2020.-  Televisión de Galicia está case dobrando cada día a súa programación infantil para contribuír a facerlles aos máis pequenos da casa máis levadeira a corentena obrigatoria pola crise do coronavirus. De acordo coa súa función de servizo público, a segunda canle da Galega ampliou a unhas 12 horas diarias a oferta do ‘Xabarín Club’, con series adaptadas a súa audiencia infantil e xuvenil e en lingua galega.

Desde as 7.00 horas e ata o serán, a G2 ofrece un ‘Xabarín Club’ cun amplo abano de series, cuxa emisión só se interrompe pola faixa informativa do mediodía e o programa de divulgación científica ‘Aquelando’, dirixido tamén a escolares e mozos.

Entre as propostas, a chavalada en idade preescolar ten producións, como ‘Tutú’, ‘Caracois’, ‘Os contos do Camiño’, ‘Vexecontos’ e ‘Cocorico’; dos ‘Bolechas’ ofrécense novas aventuras, as visitas do personaxe ‘Braulio Tuber’ os colexios das vilas galegas e mesmo a súa versión ‘One, two, three’ para aprender inglés, e dirixidas ata a faixa xuvenil achéganse as series de éxito ‘Dragon Ball Z Kai’, ‘O Albor dos Croods’, ‘Elías’, ‘Óscar Oasis’ ou ‘Salve, rei Julien’. A maiores, na fin de semana, cómpre salientar a ‘A Pita Cega’, última incorporación infantil do ‘Xabarín Club’, un orixinal programa de produción propia, conducido por dous presentadores galegos, Estevo González e Ana Oca, metidos na pel de Nando e Lúa, un rapaz e unha rapaza con mentalidade aventureira, que acompañan a audiencia infantil da Galega nunha viaxe chea de emocións.

Na foto, os presentadores do programa infantil ‘A Pita Cega’.

Fuente Crtvg.es