A G2 emite este xoves ‘Sempre Xonxa’ con motivo do 30 aniversario do histórico filme de Chano Piñeiro

0
7

Santiago, 27.11.2019.-    Este xoves, 28 de novembro, a G2 emitirá a histórica película de Chano Piñeiro ‘Sempre Xonxa’, dentro do espazo ‘A noite da cultura’, nunha sesión cinematográfica especial con motivo do seu 30 aniversario. Xunto con esta longametraxe, tamén se reproducirá o documental ‘Sempre Xonxa en Petín’, de Ignacio Vilar

Nos últimos días de novembro de 1989, hai 30 anos, estreábanse en Vigo as tres primeiras longametraxes de ficción galegas no marco de CineGalicia, feitas no formato profesional de 35 mm: ‘Urxa’, ‘Continental’ e ‘Sempre Xonxa’ foron o comezo do cinema galego.

Coas emisións especiais do vindeiro xoves, a Televisión de Galicia quere lembrar a importancia da rodaxe da longametraxe ‘Sempre Xonxa’ como parte fundamental daqueles primeiros pasos da nosa cinematografía, que supuxo a primeira pedra na construción do cinema galego e da súa identidade.

Precisamente, na cuestión da identidade audiovisual, afonda o documental de Ignacio Vilar (‘Pradolongo’, ‘Vilamor’ ou ‘A Esmorga’), cineasta para o que a figura de Chano Piñeiro foi decisiva. ‘Sempre Xonxa en Petín’ (2006) explora as pegadas que a filmación da película supuxo para os nenos da comarca de Valdeorras que, xa adultos, evocan as lembranzas da rodaxe dun filme que deixou fondas influencias na súa memoria e experiencia vital.

Fuente Crtvg.es