A G2 estrea este martes o documental ‘A nós o teu reino’, a historia de superación do galego Simón González, 13 veces campión do mundo de kickboxing

0
9

Santiago, 08.02.2021.-     A segunda canle da Galega estrea este martes, dentro do espazo ‘A noite da descuberta’, o documental ‘A nós o teu reino’, dirixido por Horacio Alcalá, que conta a historia do vigués Simón González, que chegou ao cumio do kickboxing e fixo historia gañando trece veces consecutivas o campionato do mundo.

Paqui, a súa muller, apoio incondicional dentro o fóra do ring, foi, e aínda é, o piar fundamental na súa vida. Grazas a ela logrou o imposible: ademais das súas vitorias deportivas, con ela ao seu carón, colle a coraxe necesaria para levar mellor a súa lesión medular e loitar por volver camiñar despois de que un accidente doméstico o deixara prostrado nunha cadeira de rodas. Dese accidente nace un novo reto para Simón: retornar ao ring.

A pesar deste infortunio, Simón seguiu formando os seus alumnos, pero en especial o seu pupilo Alberto, a quen practicamente adoptou como parte da súa familia e a quen lle deixará o seu legado. O soño de Simón crúzase agora co de Alberto. Ambos os dous veñen de familias humildes: Simón, dunha aldea de Ourense da que saíu para competir, e  Alberto foi un neno obeso que sufriu acoso escolar e que, grazas a Simón e ao boxeo, atopou o seu camiño e a súa meta na vida.

O soño de Simón estase forxando a base de adestrar os seus músculos, rehabilitación, natación e posibles tratamentos médicos que lle van chegando. O soño de Alberto fórxase a través das súas luvas, no ring, ao carón de Simón e coa axuda incondicional dos seus. O que asemella os dous protagonistas de ‘A nós o teu reino’ é a loita pola gloria: Alberto, deixando atrás a súa vida para comenzar unha nova, e Simón, esforzándose por volver camiñar.

Despois da estrea a semana pasada de ‘O futuro da mente’, ‘A nós o teu reino’ é a nova proposta da G2 para as ‘Noites Temáticas’ dos martes, en que durante os vindeiros meses se ofrecerá cada semana un novo documental, no que constitúe unha excelente oportunidade para descubrir contidos inéditos de gran calidade e valor histórico, cultural, humano, científico e cultural. ‘O automóbil, motor industrial de Galicia‘, ‘Gallo‘, ‘Vigo, 1972‘, ‘Esquece Monelos‘, ‘O desafío do Sil‘ e ‘30 anos actuando‘ son algúns dos títulos que se poderán ver en vindeiras datas.

Fuente Crtvg.es