Santiago, 24.02.2020.- Con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se celebra o 29 de febreiro, a Televisión de Galicia estrea este martes, a través da súa segunda canle e dentro do ciclo temático ‘A noite da descuberta’, o documental ‘Idénticas’, dirixido por Luís Avilés e que en 2019 foi recoñecido co Premio Mestre Mateo ao mellor documental.
‘Idénticas’ pretende sensibilizar sobre unha enfermidade ultrarrara, a heteroplasia ósea progresiva, que padecen as pequenas irmás Cayetana e Celia. O director noiés fai un seguimento desta familia de Lousame ao longo de todo un ano para retratar a súa vida e a dos seus pais e todo o que supón para unha familia convivir con esta enfermidade, pero desde a normalidade e desde a esperanza.
Cayetana e Celia son as únicas xemelgas idénticas no mundo que teñen esta enfermidade, pero son tamén o único caso no mundo en que unha das irmáns, Cayetana, experimenta os síntomas, mentres que Celia non ten a enfermidade en proceso. O documental evidencia con delicadeza e positividade a loita desta familia na procura da felicidade destas nenas, que continúan a xogar e sorrir a pesar de todo.
O vindeiro sábado, o propio Día Mundial das Enfermidades Raras, a TVG volverá emitir ‘Idénticas’, desta volta pola primeira canle, arredor das 10.00 h.
Fuente Crtvg.es