A G2 estrea o documental ‘Spitsbergen, o gardián do Ártico’, centrado nas consecuencias do cambio climático

0
13

Santiago, 25.01.2022.-  Nova noite de estrea na G2, a onde este martes chega o documental participado pola TVG ‘Spitsbergen, o gardián do Ártico’ (23.25 h), dirixido polo galego Ignacio Benedeti Corzo, filmado integramente en Súper 8 e que conta con cinco candidaturas aos Premios Goya.

‘Spitsbergen, o gardián do Ártico’ é unha expedición científica e técnica aos últimos confíns da terra firme, lindando co Polo Norte, a bordo dun barco rompexeos onde o cineasta toma planos do reducido grupo, nutrindo a narración con vistosas imaxes que convidan á reflexión. A obra está dotada do tempo narrativo necesario e entoado coa voz de Santiago Fernández e as notas de Sergio Moure.

O documental que hoxe ofrece a segunda canle da Galega pretende ser tamén, máis alá do desafío técnico, unha chamada de atención sobre as nefastas consecuencias do cambio climático e o quecemento global. Para facelo máis ameno, mestúranse diferentes aventuras que o director viviu a bordo do buque rompexeos Malmö, como o seguimento dunha osa coas súas crías ou a recuperación dunha cámara somerxida accidentamente a 140 metros de profundidade, ao tempo que se plasma a ameaza real causada pola actividade humana descontrolada, que leva a derreter o Ártico.

Trátase do primeiro dunha serie de documentais da serie ‘Stop calentamiento global’, que pretende sensibilizar sobre as consecuencias do cambio climático e que están rodándose en diferentes puntos sensibles do planeta.

Fuente Crtvg.es