A G2 indaga na xestión do monte veciñal e baldío en Galicia e Portugal, coa estrea do documental ‘En todas as mans’

0
7

Santiago, 02.08.2021.-  A G2 estrea este martes ‘En todas as mans’ (22.55 h), documental que se sitúa nos territorios de Galicia e Portugal e nunha realidade: os montes veciñais ou baldíos. Dirixido por Diana Toucedo, ‘En todas as mans’ é unha ollada aos seus habitantes na procura dun horizonte, que os territorios que están nas súas mans sexan creadores de riquezas económicas, ambientais e sociais para os seus pobos. O documental crúzase no seu camiño para indagar nunha realidade tan próxima como tan descoñecida. Unha realidade milenaria, única, que debe afrontar, tamén, un futuro. En Galicia hai case 3.000 montes veciñais e, en Portugal, preto de 1.500 baldíos.

No país do minifundismo existe unha realidade que é de todos e, ao tempo, de ninguén. Unha realidade silente, máis activa, que resiste o paso dos séculos e os sucesivos ataques por diferentes medios. O monte veciñal en mancomún ou baldío, aquela porción de territorio xestionada de forma directa pola veciñanza, é unha realidade tan viva como descoñecida en Galicia e Portugal. Unha realidade, que sitúa ao morador dunha parroquia ou freguesía no epicentro da acción política do seu propio territorio. Os baldíos ou montes veciñais son unha figura que implica a milleiros de persoas que xestionan máis dun millón de hectáreas nos dous países de forma directa, sen intermediacións nin delegacións. Na Europa do libre comercio, esta é unha realidade única, que conforma parte do seu máis rico patrimonio cultural.

‘En todas as mans’ é unha peza audiovisual que pretende mostrar a actividade destas comunidades e a vida dos seus protagonistas, acompañadas de voces expertas da economía, xudicatura, ecoloxismo, historia ou o activismo social. A suma ofrece un diverso elenco de usos, reflexións, problemáticas e propostas á volta da xestión comunitaria do monte en Galicia e Portugal. Un documental que abre as cancelas do monte ao futuro.

Na realización deste documental, producido por Trespés Cooperativa Galega, coa participación da TVG e co apoio da Axencia Galega da Industria Cultural (Agadic), participaron durante os catro anos do proceso máis de 250 persoas, unha vintena de entidades e 19 montes veciñais.

Fuente Crtvg.es