A G2 retransmite este xoves a primeira etapa da Volta Ciclista a España feminina e a clasificatoria masculina para a Bandeira da Concha

0
5

Santiago, 01.09.2021.-   Os espectadores da G2 poderán asistir este xoves en directo, a partir das 12.55 h, ao comezo da Ceratizit Challenge by La Vuelta, a carreira feminina da Volta a España, que arranca na provincia de Ourense e que percorrerá Galicia por primeira vez na súa historia.

Desde hoxe ata a o vindeiro domingo, as mellores ciclistas do mundo, un total de 144 corredoras de 24 países, daranse cita na carreira española máis relevante do calendario feminino co obxectivo de superar a alemá Lisa Brennauer, gañadora das dúas últimas edicións e a máxima favorita por terceiro ano consecutivo. Serán un total de catro etapas con diferentes e atractivos perfís, das cales tres se desenvolverán integramente na provincia de Ourense, incluindo a cronoescalada, a primeira que se realiza na historia da volta feminina.

No primeiro día de competición, a proba comezará na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda e rematará na Rúa, pasando pola Pobra de Trives, Larouco, Petín, Vilarmartín de Valdeorras, O Barco, Prada, A Veiga e Santa Cruz.

Esta non será a única cita deportiva en directo deste xoves na segunda canle da Galega, que tamén retransmitirá, ás 17.25 h, a clasificatoria masculina para a Bandeira da Concha, a regata de traiñeiras máis prestixiosa e agardada da temporada. Un total de 24 embarcacións participarán na proba, entre elas, as galegas Cabo, Ares e Tirán.

Coa Liga Eusko Label aínda sen concluír, chega o momento da Concha e todas as traiñeiras se centran na denominada como ‘Olimpíada do remo’. A campioa das tres últimas edicións e unha das traiñeiras que máis vitorias sumou este verán, Hondarribia, será unha das favoritas para marcar o mellor rexistro da tarde e pelexar así pola súa cuarta bandeira consecutiva.

Fuente Crtvg.es