A gala de entrega dos XIX Premios Mestre Mateo, este sábado á tarde nos medios públicos galegos

0
17

Santiago, 08.04.2021.-  Por primeira vez na historia dos galardóns da industria do audiovisual galego e debido ás restricións sanitarias, a Televisión de Galicia ofrece en horario de tarde, ás 18.00 horas, a gala dos XIX Premios Mestre Mateo, o grande evento da Academia Galega do Audiovisual. Desde o Pazo da Ópera da Coruña e dirixido por Tito Asorey, a velada terá como mestra de cerimonias a actriz Lucía Veiga, unha das presentadoras do noticiario de humor da TVG ‘Malicia Noticias’, nunha noite especial en que se coñecerán as mellores producións e profesionais galegos do audiovisual do último ano, en cada unha das 25 categorías destacadas. A Radio Galega transmitirá tamén, en directo, o evento.

As propostas da Televisión de Galicia acadaron un total de 58 candidaturas. As longametraxes ‘Ons’, de Alfonso Zarauza, e ‘A illa das mentiras’, de Paula Cons, son as producións que optan a máis premios, con 13 e 12 candidaturas, respectivamente, entre elas a de mellor longametraxe, categoría que tamén ocupan outras dúas películas participadas pola Televisión de Galicia: ‘Arima’ (7 candidaturas), ópera prima de Jaione Camborda, e ‘Lúa vermella’ (4), dirixida por Lois Patiño. A canle pública galega copa amais, as categorías de mellor realización, mellor intérprete masculino protagonista e mellor dirección de produción.

No apartado das series, destacan as 8 candidaturas para ‘El desorden que dejas’, seguida por ‘Néboa’ (6), ‘O sabor das margaridas’ (3) e ‘Auga seca’ (2), estas dúas últimas produtos da Televisión de Galicia. Entre as producións finalistas participadas pola TVG, optan aos galardóns dous documentais, ‘Nación’ e ‘Nación de muchachos, utopía o muerte’, e tres programas de televisión: ‘Cos pés na terra’, ‘Segredos, desmontando Galicia’, e ‘Os castros’.  Precisamente, a presentadora de ‘Os castros’, Alba Mancebo, é finalista tamén na categoría de mellor comunicador/a de televisión, onde competirá con Simone Saibene, por ‘Cinephilia’, e con outros dous profesionais dos medios públicos galegos: Roberto Vilar, á fronte do ‘Land Rober Tunai Show’, e Rodrigo Vázquez, copresentador de ‘Quen anda aí?’

Fuente Crtvg.es