A ‘Gala do 25 de Xullo’ ofrecerá esta noite as actuacións de Luz, Carlos Núñez, Uxía, Lucía Pérez e Xil Ríos

0
2

Santiago, 25.07.2020.-    A TVG celebra esta noite o Día de Galicia por todo o alto, coa tradicional ‘Gala do 25 de Xullo’, con Xosé Ramón Gayoso como mestre de cerimonias. O presentador de ‘Luar’ estará acompañado polo veterano Xosé Manuel Piñeiro e por Noelia Rey e Brais Doval, dúas caras novas da Televisión de Galicia, aínda que moi populares xa para a audiencia da canle pública galega pola súa participación no programa ‘Malicia Noticias’.

A gala dedicarase este ano a agradecer o labor dos traballadores de servizos esenciais durante o confinamento pola pandemia da Covid-19. Esa homenaxe realizarase a través dalgúns dos artistas que estarán presentes esta noite no escenario, que, ademais da súa vocación musical, estiveron en primeira liña durante eses meses. Deste xeito, ademais de actuar, contarán as súas vivencias persoal sanitario, farmacéuticas, traballadores de supermercados, auxiliares de residencias e bombeiros.

Unha persoa que tamén desenvolveu un labor esencial durante o confinamento foi a artista Luz Casal, que realizou chamadas telefónicas a persoas que precisasen compaña. A cantante galega leva desde os anos 70 regalando a súa prodixiosa voz e hoxe subirá ao escenario para demostrar de novo o seu maxisterio interpretativo, no que é unha das traxectorias máis sólidas da música española.

A ‘Gala do 25 de Xullo’ tamén contará coas actuacións de Carlos Núñez, un dos mellores gaiteiros do mundo; Uxía, considerada a gran dama da música galega e unha das súas maiores embaixadoras, que, nos seus máis de 30 anos de carreira, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas; Lucía Pérez, que celebra 15 anos no mundo da música co seu álbum ‘Quince soles’; o cantante e actor ourensán Christian Escuredo, e o cantautor moañés Xil Ríos, responsable de numerosos éxitos populares e en cuxo repertorio figuran algunhas das cancións máis emblemáticas da música galega contemporánea.

Ademais da presenza de dúas das mellores orquestras galegas, Panorama e Olympus, o programa, que tamén se poderá seguir a través da web da CRTVG, recibirá a visita da banda coruñesa Triángulo de Amor Bizarro, unha das pioneiras da escena alternativa galega, e de A Banda da Balbina, conxunto musical que percorre as festas cos ritmos e a retranca propios do país.

A música tradicional galega correrá a cargo das pandeireteiras do popular grupo Leilía, da Asociación Cultural O Fiadeiro e de Tanxugueiras, que chegaron para revolucionar o panorama da música tradicional coas súas voces potentes e a súa actitude rebelde.

Fuente Crtvg.es