A ‘Gala do 25 de Xullo’ ofrecerá esta noite as actuacións de Tanxugueiras, Marta Sánchez, Budiño, Heredeiros da Crus, Sabela e SonDeSeu

0
20

Santiago, 25.07.2022.-    A TVG celebra esta noite o Día de Galicia coa tradicional ‘Gala do 25 de Xullo’, que terá como mestre de cerimonias a Xosé Ramón Gayoso, acompañado nesta ocasión de Esther Estévez, presentadora do popular espazo ‘#DígochoEu’, e rodeado dunha morea de grandes artistas no escenario

Baixo o lema ‘Non hai fronteiras’, título da canción coa que as Tanxugueiras obtiveron un éxito masivo e levaron durante este 2022 o idioma galego a lugares e contextos onde non era quen de chegar, este programa especial pretende enviar hoxe unha mensaxe de tolerancia e de paz, entendida como respecto á diversidade en todos as súas variantes: lingüística, cultural, sexual ou étnica.

Con este fío condutor, a gala contará, como non podía ser doutro xeito, coa presenza do fenómeno musical do ano: as Tanxugueiras, que levaron a tradición galega fóra das nosas fronteiras e, suscitando unha onda de apoio e simpatía popular, estiveron a piques de representar a España no Festival de Eurovisión. Sabela, Olaia e Aida ofrecerán os temas máis coñecidos do grupo, os éxitos cos que están triunfando alá por onde pasan, pero tamén presentarán algunha canción nova que forma parte do terceiro disco que están a piques de publicar, ‘Diluvio’, que verá a luz o próximo 29 de xullo.

Tamén está convidada a este especial musical da Galega unha das mellores voces deste país e unha das grandes estrelas da música pop española: Marta Sánchez. A cantante galega leva tres décadas enriba dos escenarios e a súa música será unha das grandes protagonistas nesta ‘Gala do 25 de Xullo’.
    
Cambiando de estilo e con milleiros de fieis seguidores, os espectadores gozarán con todo un referente do rock galego: o grupo Heredeiros da Crus. Os de Ribeira propoñen no seu décimo álbum, ‘Derretidos’, un regreso ás orixes, unha aposta máis guitarreira e un rock cun maior protagonismo nas voces de Tonhito de Poi e Tuchiño.
    
Outra das grandes propostas musicais da noite chegará coas intervencións de Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro e compositor galego ofrecerá temas do seu novo disco, do que o primeiro sinxelo é ‘Muiñeira da lúa’.

Nesta ‘Gala do 25 de Xullo’ tamén soarán tres voces femininas que están a despuntar no panorama galego e nacional: Sabela Ramil, unha artista moi querida polo público tras darse a coñecer en ‘Operación Triunfo’; Sheila Patricia, cantautora que ofrece un fermoso espectáculo, e a viguesa Dani, a nova promesa do pop español, que se consolida co lanzamento do seu segundo sinxelo, ‘Lento’.  

Pola súa parte, a formación viguesa SonDeSeu, considerada a orquestra folk de Galicia, festexará cos espectadores o seu 20 aniversario recollendo a tradición oral da música popular galega, dúas décadas de promoción e evolución do noso folclore.

O cantante e compositor compostelán Ortiga, un dos grandes referentes da electro cumbia en España, é outro dos convidados da gala. O artista aposta polos sons frescos e bailables, combinando o espírito verbeneiro cos ritmos latinos.

Tamén formará parte do espectáculo desta noite a cantante Pili Pampín, que levou e leva o nome de Galicia e as súas cancións polos escenarios de medio mundo. Hoxe interpretará entre outros, unha mestura dos seus temas máis recoñecidos. Actuará en solitario e tamén con Familia Caamagno, outros dos convidados da gala, unha divertida banda de Sigüeiro formada en 2010 por cinco músicos, que traerá a ledicia dos temas que inclúe no seu último LP, ‘Había que intentalo’, un disco máis achegado ao power pop que ao garage.

Outra das actuacións da noite será a do grupo galego de música infantil Mamá Cabra, cuxos ritmos seducen, desde hai 15 anos, milleiros de nenos e nenas e tamén as súas familias. O programa tamén contará coa presenza do cantautor portugués João Afonso, de Os do Fondo da Barra, o grupo de pandeireteiros de Xacarandaina, de Mondra e da formación tradicional Cantares do Brión.

Fuente Crtvg.es