A Galega comparte esta noite a mensaxe social da música de Xoana, nun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

0
14

Santiago, 16.06.2021.-  Xoana é protagonista dun novo concerto do cicloGalicia Emerxe, que a G2 ofrece esta noite, ás 23:30 horas. A cantante galega presentará, xunto a súa banda, os temas que conforman o seu primeiro disco, ‘Dardos’, nado coa intención de fomentar un galego que derrube fronteiras e estea libre de prexuízos.

A través dunha serie de cancións cunha mensaxe social marcada, nas que deixa espazo para o entretemento, Xoana aborda diferentes estilos como o pop, o rock, o reagge, o funky ou incluso o jazz. Pequenas pero precisas -ao igual que os dardos-, as mensaxes que se agochan tras as letras que escribiu a súa nai, fan da música de Xoana unha mostra da valía da cultura de Galicia.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega, e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es