A Galega estrea ‘Catro gatos’, unha aposta polo mellor humor e a risa a cachón

0
12

Santiago, 23.01.2022.-  ‘Catro gatos’ chega hoxe á Televisión de Galicia co cometido de pasalo ben e rir a cachón. Esta nova aposta polo humor da TVG buscará que a audiencia escache coa risa coa comicidade e a espontaneidade de catro profesionais galegos do enxeño, a improvisación e a chispa, como son Xosé A. Touriñán, David Perdomo, Fátima Pego e Noemí Rodríguez.

Neste divertido formato, que mestura o faladoiro cómico cos sketchs humorísticos, estes catro amigos reuniranse nun bar para falar nun ton bromista sobre distintos aspectos das súas vidas, de anécdotas persoais e das súas inquedanzas. Cada un deles lembrará un acontecemento que dará paso aos sketchs cómicos, onde cada un dos actores interpretará diferentes personaxes.

‘Catro gatos’ poderase ver na canle pública galega cada domingo, ás 20:25 horas, na franxa do ‘access prime time’, inmediatamente antes da emisión do ‘Telexornal Serán’. Producido por Tex45 Producións para a TVG, coa colaboración de Undodez, este novo espazo de humor consta de 13 episodios, de 25 minutos de duración cada un.

Os protagonistas escacharán coa risa falando sobre ‘mascotas’

Nesta primeira entrega, os coñecidos protagonistas de ‘Catro gatos’ reuniranse no bar e falarán sobre ‘Mascotas’. A todos lles gustan os animais, pero non a todos do mesmo xeito. As mascotas teñen que estar na casa ou fóra? Pódese comer animais de compaña? Calquera animal pode ser unha mascota? E as persoas, son animais que proceden do mono ou doutras especies? De todo isto falarán os catro amigos, que non acaban de concordar en case nada. Contarase tamén coa intervención especial do tío avó de Touriñán, un personaxe do que case nunca fala.

Catro recoñecidos artistas galegos

Xosé A. Touriñán, un dos cómicos máis recoñecidos do país, é actor, produtor e guionista, que comezou a súa carreira na TVG coas Cantareiras de Ardebullo, en dúo con Marcos Pereiro. ‘Padre Casares’, ‘Air Galicia’, ‘Tourilandia’, ‘Land Rober Tunai Show’ e ‘Era visto!’ son algunhas das súas aparicións máis aplaudidas. Nos últimos anos participou en series como ‘El desorden que dejas’, ‘Justo antes de Cristo’, ‘Antes de perder’ ou ‘Fariña’ e no teatro en ‘Unha noite na praia’, ‘Somos criminais’ e ‘Fariña’.

Pola súa parte, Fátima Pego é cantante, actriz e reporteira, así como unha das artistas máis recoñecidas da verbena galega, onde saltou á fama como cantante da orquestra París de Noia. Na actualidade está centrada na súa faceta como actriz e reporteira, formando parte do equipo de programas da Televisión de Galicia como ‘Sabadeando’ ou ‘Quen anda aí?’ .

Noemi Rodríguez formouse na ESAD de Galicia e logo realizou un máster en Artes Escénicas na Universidade de Vigo e un curso de posgrao na London International School of Performing Arts. Actriz, directora e pedagoga, traballou para o Centro Dramático Nacional, o CDG ou a English National Opera, entre outras. No ámbito audiovisual é coñecida polas súas participacións en ‘A esmoga’ (Ignacio Vilar, 2014) e ‘Land Rober Tunai Show’.

E David Perdomo é músico, guionista, actor e un dos humoristas máis orixinais e arriscados de Galicia. Formado como actor en Casa Hamlet, na compañía Estragón e no festival internacional de Avignon, David acadou a fama cos seus personaxes creados para internet en ‘S Koruño’. Na televisión participou no ‘Land Rober Tunai Show’ da TVG, ‘Ecce Perdomo’ e ‘La noche D’.

‘Catro gatos’ está dirixido por Jairo Iglesias e Xosé A. Touriñán e conta con guións de José L. Prieto, Manuel Cortés e Xosé A. Touriñán.

Fuente Crtvg.es