A Galega estrea o ano con cinco novos formatos de entretemento para as tardes e as noites

0
13

Santiago, 18.01.2020.-  Televisión de Galicia renova en 2020 as súas propostas de entretemento, que chegarán á grella nos próximos días. Unha das grandes estreas para as noites da Galega producirase o primeiro domingo de febreiro: a serie ‘Auga seca’, un thriller trepidante de seis capítulos, rodado en Vigo e Lisboa e coproducido entre a canle pública portuguesa RTP e a TVG. Nada é o que semella nesta ficción, con Sergio Pazos, Victoria Guerra e Monti Castiñeiras nos papeis protagonistas. O debut internacional da serie, producida pola galega Portocabo, responsable de series como ‘Vidago Palace’ ou ‘Hierro’, tivo lugar no Mipcom de Cannes.

Tamén en horario de prime time, o vindeiro mércores comezará ‘A miña familia pola túa’, un formato de éxito noutras televisións, con dúas familias opostas como protagonistas en cada capítulo. Dúas nais intercámbianse de fogar durante unha semana de convivencia e deben adaptarse ao estilo de vida e á rutina diaria da nova familia, propiciándose situacións moi encontradas e emocionantes.

Un magazine de tarde moi participativo, con presentadores sorpresa

O luns 27 chegará ás tardes da Galega ‘Quen anda aí?’, un novo magazine de tarde de tres horas en directo, presentado por dous profesionais inesperados neste formato, moi coñecidos e queridos, e cuxos nomes se desvelarán a próxima semana nas redes sociais da CRTVG. O espazo contará con distintas seccións, unha mesa de conversa con convidados que intentarán dar resposta ás cuestións que preocupan á audiencia, e sobre todo será un magazine moi aberto á participación dos espectadores, con conexións en directo con distintos puntos de Galicia a diario. Desde un plató espectacular, ‘Quen anda aí?’ será unha porta aberta a todas as persoas que teñan algo que contar, un espazo fresco e divertido co que se poderá identificar a audiencia galega.

Novas temporadas de ‘Galicia bonita’ e ‘Que casas!’

Na nova programación destaca a chegada este luns á noite da agardada nova temporada de ‘Galicia bonita’, docu-reality de reformas que tivo grande éxito de audiencia na súa estrea en 2019, en que a arquitecta Rosa Facal e o seu equipo de axudantes percorren a xeografía galega na procura de vivendas descoidadas ás que poñerlles remedio e combater o feísmo no noso país. A oferta do luns continuará coas novas entregas de ‘Que casas!’, programa en que os protagonistas ábrenlles as portas das súas vivendas á audiencia para amosar con naturalidade como son as casas en que viven.

Por último, ‘Imos de feira’ e ‘A pegada do indiano’, estreados este sábado pasado na TVG. A primeira proposta achégase aos mercados ambulantes galegos máis destacados, amosando como é a vida dos feirantes e desenvolvendo un concurso entre os veciños de cada localidade. A seguinte, é unha serie documental que dá a coñecer o legado que deixaron as persoas que triunfaron na emigración e investiron parte da súa fortuna na terra que os viu nacer. Cada entrega indaga nas luces e sombras desas persoas que contribuíron a encamiñar a súa terra natal na senda da modernización.

Cómpre salientar que, o domingo vai ser a xornada en que pase a emitirse ‘Un país en 360’, o primeiro programa de televisión que incorpora o 3D e o 360 nun concepto multiplataforma, co obxectivo de poñer os espectadores no centro da acción, nun paseo innovador polo patrimonio e a paisaxe galega.

Fuente Crtvg.es