A Galega ofrece este venres en directo o Liet International, o festival europeo das linguas minoritarias, a través da canle de YouTube

0
20

Santiago, 13.05.2022.-    A Televisión de Galicia ofrece este venres o Liet International en directo, a partir das 18.45 h, a través da súa canle de YouTube, coa narración de Carlos Amado, Esther Estévez, Fran Cañotas e Yaiza López, que, ao remate do certame, comentarán coa representante galega, Carolina Rubirosa, a súa actuación e a posición acadada pola canción galega. Mañá sábado, os espectadores poderán ver o certame tamén na G2, desde as 11.40 h.

A CRTVG asiste, na localidade danesa de Tonder, á edición de 2022 do Liet International, o prestixioso festival europeo da canción en linguas minoritarias, en que Galicia estará representada pola artista grovense Carolina Rubirosa e que conta coa presenza no xurado do xornalista da TVG Eduardo Herrero.

A representante galega participa neste festival, coñecido como o ‘Eurovisión das linguas minoritarias’, coa canción ‘O teu camiñar’, tema promocional do Camiño Inglés nun vídeo protagonizado por Julia Baird, irmá de John Lennon. Co soporte do Xacobeo 21-22, esta candidatura réndelle homenaxe a todos os peregrinos, pero, especialmente, ao famoso músico de Liverpool, que nos anos 70 xa proxectara peregrinar a Compostela con Salvador Dalí.

A cantante, compositora e produtora Carolina Rubirosa, que competirá no Liet con artistas dunha ducia de rexións europeas, é unha das voces galegas máis persoais. Compartiu escenario e traballos con artistas como Coque Malla, Miguel Ríos ou Andrés Calamaro, gravou coa Real Filharmonía de Galicia e foi a gañadora de varios concursos, como o ‘Revolution Unplugged’ de Europa FM ou O ‘Sonidos Mans 2019’. Ademais, en 2017, converteuse na primeira artista en cantar en galego no mítico The Cavern de Liverpool durante a International Beatleweek e actuou en países como Rusia, Finlandia, Alemaña ou Inglaterra.

Fuente Crtvg.es