A gañadora de ‘Come a Comarca. As Batallas’ sairá esta noite da gran final entre Terra de Melide e a Terra Chá

0
58

Santiago, 24.02.2021.-     A final do norte entre os coruñeses da Terra de Melide e os lucenses da Terra Chá, pon hoxe o punto e final a ‘Come a Comarca. As Batallas’, a competición gastronómica que mediu 16 equipos comarcais, representados por cinco cociñeiros cada un, na Televisión de Galicia.

No programa desta noite haberá un menú propio dunha estrela Michelin, produtos tradicionais da nosa terra, retos culinarios, etc. Todo nunha proba contra o reloxo en que un xurado decidirá nunha cata a cegas cal é a comarca que mellor cociña nas provincias da Coruña e Lugo.

Pedro Coego, do Recuncho do Convento, á fronte dos melidenses, e José Luis Álvarez ‘Bouso’, de O Castro, na Pastoriza, liderando os chairegos, deixarán os seus restaurantes e porán o brazalete de capitán de equipo para conseguir xunto cos seus compañeiros o premio final. O orgullo comarcal está en xogo, pero tamén 20.000 euros, 15.000 para os gañadores e 5.000 para o equipo finalista.           

Ambos os dous equipos estarán ‘apadriñados’ nesta batalla decisiva por dous artistas ben coñecidos para os espectadores da Televisión de Galicia. A cantante Lucía Pérez apoiará os seus paisanos da Terra Chá, mentres que o actor e humorista Federico Pérez daralle ánimos ao equipo de Melide.

Os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, mandarán a Fran Cañotas, presentador do programa, facer a compra mentres eles pensan o menú. Cachola fresca de porco celta e un doce cunha elaboración especialmente cremosa son o adianto que das delicias que van ser preparadas. Ademais, os equipos poderán explotar as súas propias ideas cun choco fresco pescado en Sada e empregar os ingredientes ao seu gusto. Como elaborarán o primeiro prato para gañar esta decisiva batalla?

Antes de saír de dúbidas, haberá tempo para que Cañotas exerza de criador de porcos en Cenlle (Ourense) ou mesmo coñecer da man de Distribuciones Manuel Domínguez, no Milladoiro (A Coruña), algún dos chocolates máis exclusivos do mundo. Ir á compra nunca foi tan animado.

‘Bouso’, capitán chairego, estará acompañado por Diego López, de Anda e Bulló Xantar, en Lugo, e o axudante de cociña Daniel Díaz. Antonio Vázquez, do Hotel San Briz da Pontenova, en Lugo, e o reposteiro Ovidio Pardiño, da Pastelería Ben, en Vilalba, completan a formación.

En Melide, sumaranse a Coego o reposteiro Román Varela, da Pastelería Trisquel; José Mouriño ‘Novita’, da Cantina de Eleu, e os cociñeiros melidenses Pablo Laya e Daniel Fernández.

Fuente Crtvg.es