A gastronomía das Terras de Melide deixará de ter segredos para os espectadores da TVG cunha nova entrega de ‘Come a Comarca’

0
8

Santiago, 30.06.2020.-   Cazoliña de polbo con cogomelos e gambóns, bacallau á galega e ricos con mousse de queixo. Este é o reto ao que se enfrontará este martes o equipo de cociñeiros de ‘Come a Comarca’, que desta volta visita as Terras de Melide para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o menú máis tradicional da comarca.

Pedro Coego, do Recuncho do Convento, en Melide, será o encargado de guiar aos concursantes pola gastronomía da Terra de Melide. Estes irán xunto a Ernesto, da Pulpería Garnacha, quen lles ensinará a preparar o polbo ó estilo tradicional e mesmo montarán unha pequena feira na praza de Melide. Visitarán tamén a Juan José, do ultramarinos Casa Juanito, o sitio de referencia para comprar follas de bacallau en Melide. Despois irán a Casa Xaneiro, en Toques, onde Diego lles aprenderá a receita e os segredos do bacallau á galega. Por último, irán ata Casa Melchora, emblemático lugar de tradición familiar en Melide, onde Rubén lles aprenderá a facer os ricos. Despois, na Casa do Queixo de Sobrado dos Monxes, aprenderán como se elabora o queixo Arzúa – Ulloa e o reposteiro Manuel Garea aprenderalles a facer unha mousse espectacular.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, na praza do Convento de Melide, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Mercedes Parrado e Maricarmen Bruzos, da Pulpería Ezequiel (Melide); Omaira Rodríguez e Darío Vivas, da cafetería Plaza (Sobrado dos Monxes), e Alberto Rodríguez, da confeitería Estilo (Melide). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños da comarca será quen decida o equipo gañador desta semana.

Fuente Crtvg.es